Comezan as obras de reparación do Paseo do Cantiño, na Illa de Arousa

O Salnés
13 de xaneiro 2023

Os traballos buscan restituír a estrutura ao seu estado inicial mediante a consolidación da capa de recheo que serve de base á liña peonil do paseo

Portos de Galicia sinalizou a zona cando se rexistrou a primeira fenda no Paseo do Cantiño Concello da Illa de Arousa

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou este venres o Paseo do Cantiño, no bordo portuario da Illa de Arousa, onde o ente dependente da Consellería do Mar iniciou con carácter urxente traballos para a súa reparación. 

O obxectivo é corrixir as deficiencias desta infraestrutura, construída hai máis de tres décadas e que presenta danos derivados da perda de áridos finos no recheo que serve de base á liña peonil do paseo.

A responsable do ente público explicou que as obras están en execución desde principios desta semana e buscan restituír o estado da superficie ao seu estado orixinal previa consolidación desa capa de recheo do paseo con aporte de material.

Nesta liña, indicou que a solución técnica definitiva e o importe final das actuacións virán determinados polo alcance dos danos que detecten nesta fase inicial das obras.

Susana Lenguas lembrou os investimentos recorrentes do ente público para a conservación e mantemento do paseo, ao que se destinaron máis de 40.000 euros nos últimos dous anos. 

A presidenta de Portos de Galicia tamén destacou na súa visita á zona que o seu departamento prevé investir máis de 100.000 euros na renovación das luminarias dos portos do municipio. Esta actuación enmárcase no contrato global de dotación de equipamentos LED en distintas dársenas do litoral galego co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a iluminación das instalacións.