Comezan as obras de rehabilitación de Portosanto, Saíñas e A Puntada

Poio
12 de agosto 2022

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica de Poio, o socialista Gregorio Agís, visitou este venres as obras que se están realizando desde o mes de xullo nos núcleos de Saíñas, Portosanto e A Puntada, e que servirá para "transformar por completo e marcar un antes e un despois para a veciñanza" nun dos emprazamentos chave da parroquia de San Salvador

Gregorio Agís visita as obras en Saíñas Concello de Poio

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica de Poio, o socialista Gregorio Agís, visitou este venres as obras que se están realizando desde o mes de xullo nos núcleos de Saíñas, Portosanto e A Puntada, e que servirá para "transformar por completo e marcar un antes e un despois para a veciñanza" nun dos emprazamentos chave da parroquia de San Salvador.

Agís estivo acompañado polo titular de Obras e Servizos Municipais, o tamén socialista Julio Casás, e lembrou que a actuación conta cun orzamento total de 937.752,60 euros (IVE engadido), e se financia nun 80% a través do programa ReacPon da Deputación de Pontevedra e nun 20% de fondos provinciais.

Agís y Casás salientan a "importancia" da obra xa que supón unha "rehabilitación integral da contorna e unha firme aposta pola mellora sostible na zona. Será unha transformación que mellorará de xeito ostensible a calidade de vida da veciñanza e a seguridade peonil", apuntaron.

A empresa adxudicataria, Construcciones Obras y Viales SA (COVSA), iniciou os traballos no lugar de Saíñas, onde xa se está a proceder á instalación e renovación de servizos básicos co fin de avanzar o máximo posible antes do inicio escolar, de xeito que as tarefas non afecten á actividade da Escola Infantil unha vez se reinicie a tempada lectiva. Son tarefas "que requirirán tempo", lembrou o concelleiro polo que agradeceu á veciñanza da zona a súa comprensión e paciencia.

Os traballos, segundo Agís, "estarán completados ao 100% na primavera do vindeiro ano. Para nós era importante que a adxudicataria puidese comezar no verán a renovar a parte de Saíñas", sinalou.

As obras incluirán a renovación e dotación de servizos básicos, así como a humanización de diferentes espazos, facendo especial fincapé na seguridade peonil e na redución da pegada de carbono, respectando en todo momento as construcións tradicionais. Ademais, desde A Puntada se traballará tamén na posta en marcha dunha senda costeira ata Pontevedra. Agís lembra que o proxecto foi dado a coñecer á cidadanía durante a fase de redacción.

Por último, o concelleiro de Urbanismo tamén amosou a súa satisfacción por levar a cabo este proxecto, "un dos máis ambiciosos do actual mandato".