Os traballos de formigado cos que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural puxo en marcha as obras de construción da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro, xa concluíron.
O proxecto está a ser executado pola empresa Garocaprim, ao que lle foi adxudicado cun orzamento de 44.467 euros, ten un prazo de execución de dous meses.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, lembrou que este novo equipamento multideportivo "vén a substituír ás vellas porterías que tiñamos na zona e que supuñan unha instalación de xogo bastante precaria, permitindo a práctica de disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán en óptimas condicións".
Esta obra enmárcase dentro dun proxecto de reforma integral da Praza de Europa, na que ademais da pista, tamén se levará a cabo a mellora da xardinería, a iluminación e o mobiliario urbano, instalándose novos bancos, papeleiras e puntos de recarga para teléfonos móbiles.
Por outra banda, contémplase a reposición de árbores nas aliñacións dos paseos de formigón que rodean o parque e distribúen as circulacións peonís cara as rúas e edificacións da contorna.