Comeza o proxecto 'A horta escolar, espazo didáctico e comunitario' no CEIP San Benito de Lérez

Pontevedra
14 de abril 2023

O vindeiro luns 17 de abril realizaranse obradoiros deseñados coa metodoloxía 'Aprendendo a facer a nosa horta' dirixidos a todo o alumnado do centro co propósito de poñer en marcha o mantemento da horta da escola

CEIP San Benito de Lérez Xunta de Galicia

O luns 17 de abril comezará no CEIP San Benito de Lérez o proxecto 'A horta escolar, espazo didáctico e comunitario'. Esta iniciativa contará con numerosos obradoiros co propósito de poñer en marcha o mantemento da horta existente no centro.

O proxecto conta con numerosos obxectivos como achegar ao alumnado coñecementos sobre o contorno natural inmediato, concienciar sobre problemas ambientais xerais, dar a coñecer técnicas de agricultura ecolóxica, valorar a importancia do consumo de productos frescos, saudables e de proximidade e fomentar a participación de toda a comunidade educativa.

As actividades están deseñadas coa metodoloxía 'Aprendendo a facer a nosa horta', achegando ao alumnado técnicas e coidados básicos de cultivo como a preparación do terreo, sementar, plantar ou técnicas de cultivo ecolóxico.

Ademais, os escolares iniciaranse en conceptos como a contaminación dos solos e as augas, a reutilización dos recursos e todo sobre as plantas hortícolas máis comúns no centro, así como as súas características e as partes das mesmas que se utilizan na alimentación.

Estes obradoiros, segundo a ANPA 'O Areeiro', asociación organizadora da iniciativa, permiten afondar en valores como o traballo en equipo, a cooperación e o respeto co medio natural e o estilo de vida do rural.