Comeza o estudo xeotécnico para a rehabilitación dos edificios centrais do Museo

Pontevedra
27 de abril 2020

Comprobarase o estado do terreo para confirmar a súa estabilidade e a viabilidade da conexión dos inmobles mediante un grande soto

Estudio xeotécnico do terreo baixo os vellos edificios do Museo Diego Torrado

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar un dos traballos previos á rehabilitación dos edificios centrais do Museo: o estudo xeotécnico do terreo baixo o Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, así como dos espazos públicos existentes entre eles. A empresa Galaicontrol comezou na mañá deste luns o valado da zona de traballo, a retirada dos enlousados, así como as primeiras penetracións no subsolo.

Este novo paso supón un avance importante cara a interconexión dos edificios centrais do Museo a través da creación dun novo gran soto, a proposta que se considerou técnicamente máis axeitada para tirar o máximo rendemento aos inmobles. O grande soto permitirá a conexión e continuidade entre as construcións, cumprir a normativa de accesibilidade e proporcionará unha alta funcionalidade ao conxunto, sempre coa premisa da Dirección do Museo de manter intacta a icónica imaxe exterior.

O estudo xeotécnico garantirá a viabilidade do proxecto da rehabilitación dos edificios mediante sondaxes e ensaios para caracterizar e distinguir os diferentes niveis e tipoloxías de solo e rocha en profundidade, confirmando entre outras cuestións a súa estabilidade.

Durante esta semana realizaranse catro sondaxes así como ensaios de laboratorio (para determinar a granulometría, a agresividade do solo ou da auga ao formigón, a densidade natural e seca, un ensaio de corte directo e outro de compresión simple). Á súa finalización, nas sondaxes colocaranse opcionalmente tubaxes de PVC co fin de facilitar a medición da capa freática e a toma de mostras de auga.

As prospeccións estarán situadas nos perfís exteriores dos edificios: realizaranse dúas sondaxes de rotación aos lados do García Florez (nas rúas Pasantería e Juan Novas) e un ensaio de penetración dinámica no frente coa rúa Sarmiento; dúas penetracións aos lados do Castro de Monteagudo (Pasantería e Juan Novas); outra no terreo entre este edificio e o Fernández López; e finalmente outras dúas sondaxes de rotación a ambos lados do Fernández López (Pasantería e Laranxo). Prevese que os traballos, que teñen un orzamento de 5.016 euros, estean finalizados nunhas tres semanas se non xorden complicacións.

O Castro Monteagudo e o García Flórez atópanse nestes intres pechados pola súa obsolescencia e deterioro –cunha grande debilidade dos forxados-; mentres que o edificio Fernández López, aínda que operativo, ten limitacións e deficiencias que obrigan tamén á súa rehabilitación.

VALDECORVOS

Por outra parte, a Deputación segue estes días tamén avanzando con outro dos grandes proxectos deste mandato para o Museo: a construción do novo edificio de Arqueoloxía en Valdecorvos. O venres pasado rematouse a roza e limpeza do terreo –de preto de 10.000 metros cadrados- e entre martes e o mércores iniciaranse os traballos de taquimetría da finca para ter datos básicos sobre as súas características e elaborar o proxecto de deseño do inmoble.