Comeza o cribado en Caldas de Reis con test rápidos para detectar asintomáticos

Umia
09 de febreiro 2021

Dende a tarde deste martes e ata o vindeiro venres 12 de febreiro estanse a realizar no concello de Caldas de Reis cribados poboacionais con test rápidos de antíxenos. As probas están destinadas á veciñanza de entre 30 e 64 anos co obxectivo de detectar o maior número posible de portadores asintomáticos e contribuír a unha redución da cifra de contaxios

Cribado en Caldas de Reis Sergas

Dende a tarde deste martes e ata o vindeiro venres 12 de febreiro estanse a realizar no concello de Caldas de Reis cribados poboacionais con test rápidos de antíxenos.

As probas están destinadas á veciñanza de entre 30 e 64 anosco obxectivo de detectar o maior número posible de portadores asintomáticos e contribuír a unha redución da cifra de contaxios de COVID-19 nesta localidade.

O procedemento que está a seguir o Sergas é convocar, vía SMS telefónico, a 4.069 persoas, que unha vez citadas deberán achegarse ata o novo edificio da Escola Taller e Usos Múltiples, anexo á nova Escola de Música, na parroquia de Santa María, que é o lugar onde se realizan estes test. Os resultados negativos serán comunicados por SMS e os positivos serán contactados directamente vía telefónica para informarlles das medidas que deben tomar nos seguintes días.

En cada quenda de traballo haberá catro equipos de enfermaría, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das mostras, así como información aos usuarios.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, recorda á veciñanza a necesidade de manter actualizados os datos de contacto da tarxeta sanitaria individual, ou de actualizalos de forma inmediata a través da páxina web do Sergas.

Así mesmo, lembra o rexedor que un operativo da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Caldas facilitarán os accesos ás persoas convocadas para que o proceso se desenvolva de xeito ordenado.