Comeza o arranxo do xardín da Palmeira da rúa Joaquín Costa

Pontevedra
09 de abril 2022

A empresa Garocaprim SL comezará nos vindeiros días as obras de mellora paisaxística e creación de áreas de estancia e sombra no xardín da Palmeira situado na confluencia de Joaquín Costa con 12 de Novembro

Iván Puentes no xardín da Palmeira na rúa Joaquín Costa Concello de Pontevedra

A empresa Garocaprim SL comezará nos vindeiros días as obras de mellora paisaxística e creación de áreas de estancia e sombra no xardín da Palmeira situado na confluencia de Joaquín Costa con 12 de Novembro.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, destinou un investimento de 48.546 euros para poñer en valor os elementos existentes e a integración deste espazo na contorna coa creación dun camiño.

O proxecto, elaborado por Diego Pereira, enxeñeiro de Montes da firma Viveiros Acroa, tamén busca subliñar a beleza desta zona verde coa dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno. 

A intervención incrementará a capacidade de acollida e confort deste espazo verde, converténdoo nun punto de encontro e socialización comunitaria mediante a conformación de áreas de estancia con mesas e bancos de madeira.

Iván Puentes, quen visitou esta mañá o parque da Palmeira para supervisar a instalación do valado perimetral, fixo fincapé na "importancia estratéxica para o desenvolvemento que no barrio da Eiriña ten un parque que se atopa nunha das bolsas de solo urbanizable máis importantes que existen no centro de Pontevedra e cuxa mellora se enmarca nun conxunto de proxectos entre os que se inclúen a reforma integral de Amalia Álvarez (60.000 euros) ou a creación dun novo parque na pasarela de José Adrio, en 12 de Novembro (cun investimento de 500.000 euros por parte de Concello e Deputación)". 

Un conxunto de actuacións que suman máis de 600.000 euros e que optimizarán a dispoñibilidade de espazos de lecer e de zonas verdes e a calidade de vida dos veciños desta zona de Pontevedra (os proxectos foron presentados a finais do ano pasado aos membros da Asociación de Veciños da Eiriña).

O prazo de execución previsto é dun mes e medio desde o inicio dos traballos.