Comeza na Boa Vila unha Feira Franca de lenda

31 de agosto 2018

Unha cita ineludible para os pontevedreses, un peche apoteósico dos días de verán, unha festa creada por e para a xente, unha viaxe ao século XV, unha cidade en pé de festa, unha vivencia única de familias e veciños, isto e máis é a Feira Franca.

Espectáculo inaugural da Feira Franca 2018 PontevedraViva

Unha cita ineludible para os pontevedreses, un peche apoteósico dos días de verán, unha festa creada por e para a xente, unha viaxe ao século XV, unha cidade en pé de festa, unha vivencia única de familias e veciños, isto e máis é a Feira Franca.

Desde hai anos, a Boa Vila celebra que tivo un mercado libre de impostos dun mes de duración. Un tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467.

A zona vella da cidade do Lérez enchese de damas e cabaleiros, de artesáns e canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes e algún leproso.

Unha posta en escena que toma forma desde o ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raizame histórico, que van desde a representación do transporte do viño ou o torneo medieval, ata os espectáculos de cetrería, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza.

O espectáculo deste venres na Ferrería deu inicio á cita medieval, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013.

Pola noite, mentres se recollía o escenario da Praza, un balbordo de veciños montaba os postos para ter todo preparado este sábado cando milleiros de persoas vestiranse de época para comer nas prazas e rúas, en mesas montadas e decoradas seguindo as pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na segunda metade do século XV.

 

Arquivado en