O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezou este martes o proceso de vacinación masiva co pretende inmunizar a 145.000 persoas no próximos seis días.
Xa non se está citando por apelidos, senón por idade en orde descendente, e tampouco se seguirán utilizando de maneira prioritaria os centros de saúde de referencia, agora emprégase o modelo ensaiado con éxito hai uns días.
A este modelo masivo están convocadas persoas nadas entre os anos 1956 e 1961 (os de 60 a 65 anos) aos que se lles inoculará a fórmula de AstraZeneca este martes pola tarde e mañá e os nados entre 1942 e 1956 (é dicir, de 75 a 79 anos) que se lles administrará a de Pfizer entre o xoves e o domingo. Comezouse a citar vía SMS aos maiores de cada unha das dúas franxas.
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés o Sergas ten previsto vacinar a unhas 9.000 persoas, no Recinto Feiral do Pazo da Cultura e no recinto vilagarcián de Fexdega.
Ao final de cada xornada chamarase aos que non asistiron para citalos nos seguintes días dispoñibles. As persoas con patoloxías consideradas de alto risco empezarán a vacinarse a partir da semana que vén, preferentemente coas vacinas de ARN (Pfizer e Moderna), para lograr a inmunización no menor tempo posible
A FINAIS DE AGOSTO CHEGARASE AO 70% DE VACINADOS
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou este martes que o plan de vacinación do Executivo contempla que 25 millóns de persoas en España estean vacinadas para a semana do 19 de xullo e para finais de agosto o 70% da poboación española (uns 33 millóns de persoas) recibiría a dose completa da vacina.
Sánchez explicou que "la planificación más conservadora" apunta que nos próximos meses irase incrementando o ritmo de vacinación a razón de varios millóns de persoas ao mes. Son 87 millóns as doses que ten xa contratadas España "para recibir entre abril y septiembre".
Sánchez insistiu en que "todas las vacunas" que se están administrando en España son "seguras" e están "homologadas" pola Axencia Europea do Medicamento. En canto á vacina de Janssen, que só require unha soa dose para a súa administración, dixo o presidente do Goberno que "vamos a empezar a recibirla el 14 de abril, y antes de julio vamos a tener 5,7 millones de vacunas".
Ademais a fórmula da alemá CureVac será previsiblemente aprobada nas próximas semanas.