Comeza a roza da parcela de Valdecorvos que albergará o novo edificio de Arqueoloxía do Museo

Pontevedra
22 de abril 2020

Os traballos nos preto de dez mil metros cadrados de finca estaban previstos dende hai semanas pero tiveron que ser adiados polas restricións derivadas da crise sanitaria do COVID-19. Está previsto que finalicen esta semana para dar paso a un estudo en profundidade do terreo    

Roza da parcela de Valdecorvos que albergará o edificio de Arqueoloxía do Museo Deputación Provincial

A Deputación Provincial comezaba durante este mércores 22 de abril a roza da maleza e arborado da parcela de Valdecorvos na que se levantará o novo edificio de Arqueoloxía do Museo.

Unha empresa de Sanxenxo é a encargada de realizar a tarefa, que se desempeña con medios mecánicos e manuais, para deixar limpos os 9.509 metros cadrados da finca.

Os traballos de rozadura estaban previstos dende hai semanas pero tiveron que ser adiados polas restricións derivadas da crise sanitaria da COVID-19, xusto cando se ían iniciar. A previsión é que finalicen esta semana se non se producen complicacións, deixando a finca totalmente accesible e libre de árbores, silveiras e outros matoxos. Terase especial coidado de deixar sen tallar algúns exemplares singulares.

A intención é dar paso á seguinte fase para o novo edificio, que será a realización dun estudo taquimétrico da parcela para coñecer as súas características no que se refire aos desniveis de terreo e ver as posibilidades de encaixar o futuro inmoble, cun deseño adaptado á contorna. Hai que lembrar que a idea é levantar unha ‘peza singular’ de entre 3.500 e 4.000 metros cadrados de superficie nunha planta con soto que permita albergar a colección arqueolóxica do Museo.

Logo de ter realizado a taquimetría chegará o momento do deseño do edificio, para o que será preciso realizar outro estudo topográfico máis detallado para localizar os apoios base da construción.

A coordinación entre o persoal técnico do Museo e o equipo do Plan Revitaliza permitirá que todo ese material leñoso se destine a estruturante para compostaxe. Así, a empresa responsable da roza levará todo o material cortado a Príncipe Felipe, onde a maquinaria provincial o triturará para despois achegalo aos diferentes centros de compostaxe do Revitaliza para que as persoas usuarias o poidan utilizar.