Comeza a implantación da fibra óptica por Tenorio e Viascón

Cerdedo-Cotobade
04 de xullo 2020

Trátase do primeiro paso para dotar a todo o municipio deste servizo no horizonte do ano 2022, segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia ao abeiro do Programa Pebang para a implantación destas redes

Tenorio, Cerdedo-Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai recibir unha importante mellora nas súas infraestruturas tecnolóxicas, xa que acaban de comezar as obras de instalación da rede de fibra óptica, que permitirá contar con acceso ultrarrápido a Internet, nas parroquias de Tenorio e Viascón.

Trátase do primeiro paso para dotar a todo o municipio deste servizo no horizonte do ano 2022, segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia ao abeiro do Programa Pebang para a implantación destas redes.

Estas obras, segundo informa o Concello, vanse desenvolver grazas ao financiamento de fondos europeos e realizaranse nos vindeiros 18 meses nas parroquias de Carballedo, Cerdedo –nestas dúas haberá centros de control e extensión da fibra–, Aguasantas, Borela, Castro, Figueroa, Quireza, Rebordelo, San Xurxo, Santa María, Tomonde e Pedre ata chegar a 1.157 vivendas e a decenas de negocios e empresas das mesmas. Posteriormente completarase toda esta infraestrutura ao ano seguinte.

Tras a súa posta en marcha, as industrias, comercios e vivendas dos emprazamentos beneficiarios poderán acceder a Internet a unha velocidade de alomenos 100 megas, o que axilizará dende as súas cuestións profesionais, ata o seu uso a nivel de usuario, e suporá importantes beneficios para súa dinamización económica, acceso a televisión, execución de videochamadas e seguridade na transmisión e gardado de datos.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou que a implantación da fibra óptica "é algo que levabamos perseguindo bastante tempo pero que hai que entender que non se pode poñer en marcha en toda España, nin sequera en todo o Concello".

Ademais, quixo aclarar que o despregamento por zonas "é algo alleo ao Concello". Así, indicou que gran parte do municipio xa está en obras ou co seu plan de implantación deseñado, mentres que o resto se acometerá cun proxecto piloto financiado con fondos europeos e que completará a rede.

"En pleno século XXI as infraestruturas tecnolóxicas como esta teñen, como mínimo, tanto valor como as físicas e creo que debemos valorar a fibra óptica como cando melloramos unha pista ou executamos un saneamento", concluíu o rexedor.