Comeza a construción do carril bici da Avenida de Ourense en Marín

Marín
28 de agosto 2020

A obra de humanización da principal vía de comunicación de Marín recibiu esta mañá a visita do equipo de goberno para comprobar o avance dun proxecto que prevé concluír a finais de setembro a instalación do novo colector xeral do municipio

Obras de humanización e construcción do carril bici na Avenida de Ourense, en Marín

A Avenida de Ourense, a principal arteria de comunicación de Marín, está inmersa nun proceso de transformación completo. A obra, financiada nun 80 % por fondos europeos, recibiu este venres a visita da alcaldesa María Ramallo, acompañada polos edís Manuel Santos e Marián Sanmartín, para comprobar como comezaban os traballos de hormigonado do futuro carril bici que percorrerá toda a rúa.

O proxecto de reforma desta vía contempla tres distribucións deste espazo. No primeiro tramo, en Cantodarea, habilitarase unha beirarrúa de dous metros de ancho, unha senda peonil de 3,5 metros e un carril bici de 3 metros de ancho. Logo haberá un espazo no que coexistirán peóns e ciclistas para segregarlos á altura do Concello e ata a praza de España en dous carrís de 2,5 metros de ancho para ciclistas e de 3, para peóns.

“Trátase dunha humanización integral coa que conseguiremos unha Avenida de Ourense cómoda e sostible para todos", asegurou a rexedora a pé dunha obra que inclúe tamén a renovación de todo a iluminación pública por un máis eficiente.

A transformación da Avenida de Ourense está a ter lugar tamén no subsolo. A colocación do novo colector xeral prevén que se remate a finais do mes de setembro. Trátase dunha actuación acometida por Augas de Galicia e enmarcada no plan de saneamento da ría de Pontevedra.

O investimento total para esta humanización ascende a 1,5 millóns de euros. Pero non é o único gran proxecto á vista no municipio. A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi) Marín 2020 engloba outros dous plans: a construción do auditorio e a remodelación do paseo Alcalde Blanco. 

Doutra banda, o Concello de Marín puxo en marcha este venres os traballos de mellora do firme do camiño rural que une Troncosa e Candóns, na parroquia de Santo Tomei de Piñeiro. Os traballos comezaron cos labores de limpeza de paseos e cunetas para continuar logo coa colocación dunha nova capa de rodadura. O orzamento do proxecto ascende a 32.600 euros e o prazo de execución é dun mes.