Comeza a construción das pozas termais dos Baños do San Xusto

Cerdedo-Cotobade
12 de setembro 2020

Esta previsto que se retiren as estadas a finais deste mes de setembro e iniciaranse os traballos de instalación de servizos e detalles interiores. Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, asegura que esta instalación será o mellor recinto termal público da provincia e situarase entre os tres mellores de Galicia

Inicio da obra das pozas termais públicas nos Baños do San Xusto Concello de Cerdedo-Cotobade

En xaneiro comezaba o proxecto de rehabilitación do antigo complexo termal de Baños do San Xusto e xa se atopa na súa fase final co inicio das obras para instalar as pozas públicas ao aire libre. 

Segundo informa o goberno local de Cerdedo-Cotobade, utilizarase o deseño das bañeiras preexistentes para a execución das pozas e esperan que se convertan nun dos principais atractivos turísticos desta contorna, que terá uso libre.

A intención do Concello é que este recinto se atope en funcionamento na primeira metade de 2021 coaposta en marcha do balneario, as pozas públicas, saunas e zonas de lecer e de esparexemento natural.

Xa se finalizou a obra do  chorreo da pedra da antiga minicentral e instalouse a cuberta sobre trabes de ferro e de madeira. Tamén se traballa no exterior do edificio e, segundo comenta o alcalde Jorge Cubela, agardan que as estadas se retiren a finais deste mes de setembro. 

Despois finalizarán os servizos e detalles interiores coa rehabilitación da antiga Casa do Muiñeiro e dos catro muíños, cos seus muros, situados na contorna que se converterán en saunas con miradoiro.

Este proxecto conta cun investimento de 700.000 euros financiados pola Xunta de Galicia. Cubela afirma que será o mellor recinto termal público da provincia e un dos tres mellores de toda Galicia en comparación cos de Ourense.