Comesaña acusa a BNG, PSOE e SOS Sanidade Pública de "estar empeñados en trasladar medo á poboación"

Pontevedra
10 de febreiro 2023

O conselleiro de Sanidade visitou este venres Pontevedra, dous días antes da manifestación prevista contra o deterioro da sanidade pública en Santiago de Compostela, e insistiu en que "a Xunta maniféstase todos os días a favor da Atención Primaria para resolver os problemas de faltas de especialistas de médicos de familia"

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, e Jose Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra Mónica Patxot

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, visitaba este venres Pontevedra para percorrer a unidade de fisioterapia do centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra. A visita realízase dous días antes da manifestación convocada para este domingo en Santiago de Compostela pola Plataforma SOS Sanidade Pública como denuncia da situación actual dos servizos de Atención Primaria en Galicia e en contra da privatización.

O máximo responsable da sanidade galega afirmou que "a Xunta maniféstase todos os días a favor da Atención Primaria" indicando que están a traballar desde hai tempo en resolver os problemas de faltas de especialistas de medicina familiar en toda España. "Algúns só se manifestan algúns días de maneira organizada e amparada en partidos políticos", lamentouse o conselleiro en referencia á plataforma convocante e ao partidos BNG e PSOE, que secundan esta protesta.

Criticou especialmente ao Partido Socialista que goberna o Estado por formar parte desta protesta ao entender que é o Ministerio de Sanidade quen debe flexibilizar os criterios para formar máis médicos MIR: "quen ten as ferramentas para facelo non o fai, lonxe de facelo convoca manifestacións".

Lembrou que hai uns anos tamén en Vigo celebrouse unha gran manifestación porque íamos quedarnos sen hospital, porque ía ser privado, ían cobrarnos por usar os sofás, os sillóns... a cidadanía puido comprobar meses despois que non era certo", insistiu Comesaña "e hoxe temos en Vigo un hospital en que todos os vigueses, incluso os do PSOE están orgullosos". 

A continuación, expuxo que esta mesma situación está a vivirse agora en Pontevedra e, en xeral, en relación coa sanidade pública en Galicia. "Bloque, PSOE, Plataforma SOS Sanidade están empeñados en trasladar inquedanza á poboación, trasladarlle medo e transmitir que vamos a desmontar a Atención Primaria. Estamos a demostrar que non é así", apuntou para indicar que estas agrupacións "están na súa teima política, facendo campaña política e o tempo xulgará como pasou en Vigo hai uns anos". 

Sobre a decisión da Xunta de Galicia, anunciada polo presidente Alfonso Rueda, de crear unha bolsa de médicos voluntarios para cubrir as vacantes nos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria, o conselleiro reiterou que desde a consellería leva un tempo traballando na adopción de medidas para resolver a falta de facultativos. Avanzou que tras os trámites administrativos nos próximos días os médicos poderanse apuntar: "se pode ser a semana que vén, non será máis tarde". Lembrou que a área de Pontevedra-O Salnés ten un déficit de 16 vacantes en Atención primaria e que profesionais doutras áreas están a axudar a paliar esta situación con escenarios variables na distintos PAC.

UNIDADE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS (UAD)

Sobre a situación que denuncia o persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Pontevedra en que non se está substituíndo aos profesionais sanitarios, o conselleiro afirmou que leva moitos anos traballando neste ámbito "tan sensible" das adiccións e explicou que o Concello de Pontevedra está sfuriendo o mesmo que a Xunta para resolver o problema de atopar especialistas, incluídos os psiquiatras, para cubrir as xubilacións.

"Desde a Xunta tense actuado proporcionando psiquiatras cando o Concello non os pode proporcionar" e engadiu que a Xunta de Galicia é quen envía unha partida económica todos os anos para o mantemento deste servizo municipal. "O Concello vainos ter ao mesmo lado e non nos vai ter en ningunha manifestación en contra do que está facendo", argumentou en relación ao goberno de Pontevedra, que asistirá á manifestación do domingo en Santiago.

En canto ao uso que terá no futuro o Hospital Provincial aseguraba que no plan que está a desenvolver a Consellería non está previsto un uso hospitalario ou sanitario neste recinto no futuro. "Iso non se contempla", confirmou para atacar o Partido Socialista ao facer referencia en sede parlamentaria dos documentos que fan referencia á obrigatoriedade de darlle un uso socio sanitario a este recinto. "Hai que consensuar o uso dese centro e non vamos ter un uso sanitario porque o diga un documento de tres séculos cando non existía o Hospital Montecelo nin nada parecido", dixo Comesaña criticando a postura do PSOE.

Lembrou que a Universidade de Vigo manifestou que lle parecía unha boa solución e que a Xunta de Galicia está disposta "a escoitar calquera proposta" para insistir en que no Gran Montecelo está a facerse un investimento de 155 millóns de euros e ocupando unha superficie similar á de quince campos de fútbol coa intención de dotar de rescursos sanitarios necesarios á área durante o próximos cincuenta anos.