Comerciantes, hostaleiros e empresarios acudirán á inauguración do Nadal no mercado

Pontevedra
04 de decembro 2022

A cita está prevista para as 12.30 horas deste luns. Estarán representantes de Aempe, AJE, Hoempo, Zona Monumental e o colectivo de vendedoras. Yoya Blanco anima á cidadanía a asistir "para sacar a primeira fotografía do Nadal pontevedrés na burbulla photocall" 

Instalación da decoración de Nadal no mercado Concello de Pontevedra

Representantes das principais asociacións empresariais e sectoriais de Pontevedra acudirán este luns á inauguración do decorado instalado no mercado municipal. 

A cita está prevista para as 12.30 horas e será, despois da iluminación dos edificios da Deputación Provincial, o primeiro acto relacionado coa decoración de Nadal deste ano na cidade.  

Mentres o alumeado xeral das rúas non se realizará ata o 16 de decembro, o mercado adiántase once días. o 

Os concelleiros de Promoción Económica, Desenvolvemento Sostible e Benestar Social de Pontevedra, Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey, presidirán a inauguración, na que tamén confirmou asistencia a deputada do PSOE no Parlamento Paloma Castro

Por parte dos colectivos empresariais, estarán o presidente da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), José María Corujo; o da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Jesús Rey; o da Asociación de Empresarios Hostaleiros (Hoempo), Daniel Lorenzo, e membros de Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCUZM) e do colectivo de vendedoras.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, anima a toda a poboación a achegarse ata as instalacións da rúa Serra "para sacar a primeira fotografía do Nadal pontevedrés na burbulla photocall" e avanza que "os que vaian de noite alucinarán cun atrezzo que nos somerxerá nun océano de ilusión".

O Concello encargou a decoración ás firmas especializadas Inblooom (de Begoña Méndez) e Grupo Xesdavi por un orzamento de máis de 40.000 euros.

Os elementos decorativos e de iluminación despregarán un universo de fantasía protagonizado por tres fascinantes peixes artísticos con iluminación interior (un de 2,50 metros de lonxitude e outros dous dun metro) que presidirán a fachada; tres esferas inchables: unha bola de 80 centímetros de diámetro, unha de 60 centímetros e outra de 50 centímetros; unha burbulla photocall de dous metros de diámetro dotada dunha plataforma cunha mensaxe de Feliz Nadal e os logotipos do Mercado e a Concellería de Promoción Económica, e unha composición de burbullas de varios tamaños na fachada.

Tamén haberá unha montaxe central que combina bolas de fantasía con bolas verdes de vexetación no Gastroespazo; instalacións laterais de musgo vermello e amaranto nas zonas de acceso; o recubrimento da parte superior das bancadas dos postos de peixe cun tecido de veludo fantasía en cor verde; diversas grilandas con elementos naturais; un arco realizado con elementos vexetais colgantes (para dar sensación de túnel) na entrada principal; a vexetación interior da burbulla photocall e árbores para as ventás da fachada. 

No que atinxe á iluminación, instaláronse 15 focos Led W600, 6 bolas de espellos de 50 centímetros e 5 de 20 centímetros, un microled no arco de entrada e 6 tiras de bombillas de dous metros.