Na noite do luns ao martes, os ladróns entraron nas galerías Oliva. Forzaron o acceso á cafetería Delicious Bakery para tentar levar a recadación, pero marcharon coas mans baleiras porque nunca gardan diñeiro no local. Todo quedou, en palabras da súa propietaria, "nun susto", pero, para esta zona comercial de Pontevedra foi moito máis. Foi a pinga que colmo o vaso da paciencia de veciños e comerciantes.
Xusto o luns, comentaran que lles parecía interesante a iniciativa posta en marcha por veciños e comerciantes da contorna da Ferrería para recoller firmas pola inseguridade da zona e que deberían facer algo simular. Este martes, cando amenceron coa noticia do roubo, decidiron que o farían.
Decidiron dar o paso porque, desde hai tempo, un grupo de persoas sitúase durante a noite nas entradas das galerías, na zona na que non hai enreixado para permitir o acceso ás vivendas, e xeran situacións de falta de seguridade e limpeza.
"O único que fan é defecar, mexar, tirarse, ensuciar, fan vertedoiros, non tiran nada ao lixo", relata Antonio Santiago, presidente da asociación, que asegura que esas persoas sen teito dormen nos accesos e "pórtanse moi mal" e demostran que "son bastante porcos".
Desde primeira hora deste martes, os negocios das galerías empezaron a recoller firmas solicitando, en nome da asociación de comerciantes das galerías, a intervención dos servizos sociais, a Policía e os servizos de limpeza e xardinería "para terminar cos problemas de inseguridade, sucidade e desorde público na zona".
Antonio Santiago explicou este martes que fixeron súa a iniciativa da Ferrería porque "aquí estamos a sufrir tamén estes contratempos" e a resposta está a ser moi boa entre os 56 asociados. "Están todos moi contentos para mover un pouquiño isto e que se nos faga un pouco caso", explica.
Non dirixen a súa petición a ningunha persoa en particular, senón que a "quen pode liquidar estes problemas". Así, piden: "o que poida facer algo, por favor, que nos fagan un pouco de caso".
Aínda que xorde dos comerciantes, estenderon a iniciativa tamén aos veciños, que sofren a mesma situación que eles, e buscan lograr gran apoio para poder levar o seu caso #ante o Concello de Pontevedra. Fano desde uniuna. "Aquí estamos todos a un tempo, somos unha piña".
Piden "simplemente que non deixen asentarse a este tipo de xente por aquí" porque se acubillan nas entradas e, por exemplo, deixan todo manchado de comida. "Abren as latas de conserva e nin as comen, baléiranas. Latas de cervexa, botellas de viño... deixan todo tirado polos chans, non recollen nada".
Ademais, cando os veciños lles chaman a atención, enfróntanse a eles, en especial, ás mulleres. "As veciñas ata lle teñen medo porque lles fan fronte. Se es muller, fanche fronte, non se cortan nada en discutir e levantar a man", explica Antonio Santiago.
Os prexudicados son os veciños e comerciantes e tamén as persoas que dedican á limpeza, que "o están pasando bastante mal" a pesar de que todos lles botan unha man. "Mesmo vomitan cando van recoller", indica o presidente dos comerciantes.
ENCONTRO DE PALILLEIRAS
Desde esta asociación de comerciantes tentan dinamizar as galerías e que non morran tras o peche da parte que daba á rúa Gutiérrez Mellado nin por mor destes problemas. Dentro da súa programación de actividades, o vindeiro sábado, 23 de marzo, de 10 a 14 horas, organizan o seu II Encontro de Palilleiras.
Ao redor de 200 palilleiras de toda Galicia citaranse nas galerías para mostrar a súa forma de traballar e convidan a toda a cidadanía a que se pase a gozar do evento.