Comerciantes de Carballedo instan o Concello a negociar con outras entidades bancarias ante o peche de Abanca

Cerdedo-Cotobade
26 de xuño 2021

De clausurarse a sucursal o Concello de Cerdedo-Cotobade anuncia que acomparía os veciños nun proceso de migración das súas contas e aforros cara outra entidade financeira que quixera instalarse en Carballedo

Caixeiro de Abanca Mónica Patxot

A decisión de Abanca de pechar a oficina que ten en Carballedo segue xerando reaccións no Concello de Cerdedo-Cotobade.

O alcalde, Jorge Cubela, convocou unha reunión de urxencia para tratar o tema con comerciantes e autónomos, que instaron o rexedor a iniciar conversacións con outras entidades financeiras co fin de que ocupen o baleirou que deixaría o peche.

Segundo explica o goberno local os comerciantes aseguran que "a operativa que viña facendo nesta sucursal era suficientemente importante para xustificar o seu mantemento", mostrando o seu enfado porque "parece que quere descoidar ao rural galego, aos territorios que sempre se mantiveron leais a esta entidade en tempos de zozobra e crise bancaria e agora, que fai máis falta ter músculo financeiro para axudarnos a todos a saír adiante despois da pandemia déixannos tirados".

Os asistentes á reunión trasladaron ao alcalde o seu apoio unánime ás accións que está a levar a cabo e confirmaron que secundarán a recollida de firmas nos seus negocios e establecementos comerciais, animando ao rexedor a que se consegue que se implante no municipio outra entidade "nós iremos cos nosos aforros e coas nosas operativas para ese novo banco".

Sobre esta cuestión Cubela asegurou tamén que no caso de que Abanca non rectifique valoraríase moi positivamente desde o Concello acompañar os veciños e comerciantes nun proceso de migración bancaria.