Comercializar enerxías renovables por unha cooperativa, alternativa ás tarifas da luz das compañías eléctricas

Pontevedra
14 de setembro 2018

A cooperativa galega, sen ánimo de lucro, Nosa Enerxía naceu por iniciativa cidadá e ofrece tarifas máis económicas ademais do fomento de consumo de enerxías renovables. En Pontevedra contan coa sede en Boa Vida, na rúa Cruz Vermella

Pablo Álvarez, presidente de Nosa Enerxía con representantes de Boa Vida Mónica Patxot

"Cambiamos de compañía de teléfono pero para cambiar de compañía da luz temos medo. Non nos entrou na cabeza a liberdade de mercado", así resume Pepa Vázquez, coordinadora da Asociación Boa Vida, que loita contra a pobreza e a exclusión social, a mentalidade da cidadanía en relación co sistema controlado por grandes empresas eléctricas.

Para ofrecer unha alternativa a estas compañías da luz naceu Nosa Enerxía, unha cooperativa galega de orixe cidadá e sen ánimo de lucro, que nos seus catro anos de existencia logrou sumar 600 socios en toda Galicia, un centenar deles residentes na provincia de Pontevedra.

Este xoves, o presidente de Nosa Enerxía, Pablo Álvarez acompañado por persoal de Boa Vida informaba na praza da Peregrina sobre esta opción para rebaixar a factura da luz a través dunha proposta que fomenta as enerxías renovables.

Esta cooperativa compra a produtores de enerxía renovable para ofrecer o servizo tanto en vivendas particulares como en industrias ou para administracións públicas como sucede en concellos como o de Moaña ou Ames.

Indican que o sistema para apuntarse é tan sinxelo como acceder á súa web, introducir os datos e contratar a luz. Nun prazo de 15 días, a luz pasará a ser facturada por esta cooperativa en lugar de grandes compañías como Iberdrola, sinala Pablo Álvarez. Para ser socio consumidor é necesario realizar unha achega de 100 euros ao capital social pero se o usuario está apadriñado por unha asociación como Boa Vida non é imprescindible esta condición, segundo sinala Pepa Vázquez.

Pablo Álvarez lembra que o importante é que as persoas poidan aforrar na factura da luz. Indica que hai dous anos lograron rebaixar en 80 euros ao ano a factura dun consumidor medio respecto das grandes compañías. En 2017 a rebaixa foi dun euro.

Explican que o aforro na comercialización resulta complicado. Por iso promoven a xeración de enerxía e apoian a instalación de paneis fotovoltaicos para fomentar o autoconsumo e coa posibilidade de vender os excedentes á propia cooperativa. Álvarez lembra que Galicia conta con sol, choiva e vento para elaborar enerxía e que sofre a presenza de parques eólicos ou de centrais hidráulicas de grandes compañías sen obter beneficios a cambio. 

"O prezo da luz sobe porque hai movementos moi raros", afirma Pablo Álvarez, que sinala que este tipo de cooperativas cidadás son frecuentes no norte de Europa con moi bos resultados: "en Alemaña, o 52% da enerxía renovable está en mans da cidadanía, en Galicia xa vemos quen son os propietarios dos parques eólicos", apunta o representante deste colectivo. 

A sede de Nosa Enerxía atópase en Vilagarcía de Arousa. En Pontevedra, a información pode obterse nas instalacións da Asociación Boa Vida, na rúa Cruz Vermella.