Combo Dominicano, Treixadura e Panorama farán vibrar a 50 Festa do Viño do Salnés

O Salnés
26 de maio 2023

Este venres o alcalde de Ribadumia, David Castro, presentaba esta festa que se abrirá o 1 de xuño coa actuación do Combo Dominicano. O actor Luis Zahera será o encargado de ler o pregón e está confirmada a instalación de 14 postos de venda de viño, recuperando o número de adegas participantes prepandemia

David Castro, alcalde de Ribadumia, durante a presentación da Festa do Viño Tinto do Salnés Concello de Ribadumia

David Castro, alcalde de Ribadumia, presentaba este venres na adega de Emilio Mosteiro Carro todas as actividades que se desenvolverán a partir do xoves 1 de xuño no municipio coa celebración da 'Festa do Viño Tinto do Salnés e exaltación das variedades autóctonas', na que estarán presentes 14 adegas noutros tantos postos de venda, recuperando así a participación previa á pandemia.

Nesa xornada do xoves, o Combo Dominicano comezará a marcar o ritmo dunha edición na que se conmemora o cincuenta aniversario desta festa. Por este motivo, a programación ofrece actuacións estelares como a de Treixadura na xornada do venres 2, seguida pola verbena con Tango e La Fórmula.

O sábado 3 terá lugar a lectura do pregón a cargo do actor Luís Zahera a partir das 13.00 horas. E durante a noite celebrarase o concerto Tributo a Sabina de Conductores Suicidas coa verbena a cargo de Gran Parada e América.

A festa pecharase o domingo 4 coas actuacións de Añoranza e M80, que deixarán paso á verbena da orquestra Panorama.

O alcalde agradeceu ás persoas integrantes das comisións organizadoras durante todos os anos de celebración desta festa e tamén á actual polo traballo que realizan día a día con "mimo e agarimo".

Castro sinalou que esta festa é a máis importante do Concello de Ribadumia e recolle cincuenta anos de historia, turismo e gastronomía poñendo ao municipio nun lugar destacado do mapa. Afirmou que ten confianza na regularización do viño tinto de Barrantes xa que se "deron pasos moi importantes".

Destacou que a comida de confraternización que se desenvolverá durante esta edición conta xa con 900 persoas e que desde a organización tentan aproveitar ao máximo o espazo para dar cabida a todos aqueles interesados en acudir. 

David Castro tamén indicaba que a principios da próxima semana coñecerase o nome das oito ou nove persoas que se investirán como valedoras desta Festa. 

Os postos repartiranse en once para o viño tinto do Salnés e tres serán para variedades autóctonas cun prezo de seis euros a botella e 1,50 a cunca do viño de Barrantes.

Está prevista tamén unha exposición coa mostra dos cincuenta carteis da historia, desde o ano 1973, desta celebración en Ribadumia.