Combarro vivirá este domingo o "día grande" da súa conmemoración como Conxunto histórico

Poio
16 de novembro 2022

A música, as lembranzas e a propia xente do pobo serán as protagonistas destes actos centrais da parte central da programación coa que o Concello de Poio conmemora o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico de Interese

Cartel da Conmemoración do 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico de Interese Concello de Poio

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e a responsable de Patrimonio, Marga Caldas, deron a coñecer este mércores a parte central da programación coa que o Concello de Poio, coa colaboración do tecido asociativo da parroquia, conmemora o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico de Interese.

"Ese 30 de novembro de 1972 supuxo un antes e un despois para unha localidade que hoxe é un referente máis alá das nosas fronteiras, sen perder a súa esencia mariñeira e tradicional que sempre mantivo", sinalaron as concelleiras. 

A música, as lembranzas e a propia xente da zona serán as protagonistas destes actos centrais, que se levarán a cabo nunha carpa que se habilitará na Praza da Chousa.

O sábado ás 17.00 horas terá lugar a Mostra de Música Tradicional e Popular de Poio, con entrada de balde para gozar coas actuacións de diferentes grupos locais, como Vides Novas, a Escola de Música Tradicional e as Pandereteiras do Ronsel e de Armadiña, así como a Charanga Máis Cantos con Nelson Quinteiro. Ademais, asistirá como colectivo convidado Os Coribantes de Buchabade de Ponte Caldelas.

Xa na xornada do domingo, ás 11.30 horas, chegará un dos momentos máis emotivos da programación, coa proxección do vídeo 'Lembranzas: memoria viva da historia de Combarro'.

"Xente da vila, mariscadoras, redeiras, tendeiras, veciños e veciñas nos contan nesta peza o cambio que experimentou Combarro nestes 50 anos e como se vivía naquela época. É, sen dúbida, un legado que nos achegan que resulta impagable, porque esa memoria tamén debe ser considerada patrimonio desta localidade", coincidiron as edís de Cultura e Patrimonio. A actríz Bea Campos será a presentadora deste vídeo e condutora do acto.

Posteriormente, chegarán as intervencións institucionais, a cargo do alcalde, Luciano Sobral, da concelleira de Patrimonio e das autoridades en representación da Deputación e da Xunta de Galicia. Neste sentido, tanto Raquel Rodríguez como Marga Caldas quixeron agradecer tamén a colaboración das institucións á hora de organizar eventos ao longo dos últimos meses en Combarro, que resultaron todo un éxito. No caso do ente provincial, asemade, o Concello tamén agradece ao seu Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfco o material cedido para a realización do vídeo.

Neste acto institucional tamén terán protagonismo aquelas asociacións que participaron activamente na realización de actividades neste ano de conmemoración. A Asociación A Solaina, Armadiña, o Ateneo Corredoira e a Comunidade de Montes de Combarro Rega dos Agros recibirán un obsequio de mans das autoridades locais, "polo seu compromiso e interese en axudar a que a tradición memoria histórica da vila siga viva entre as novas xeracións".

Por último, tanto Raquel Rodríguez como Marga Caldas salientaron o éxito e a variedade de iniciativas que Combarro acolleu neste 2022 dentro do programa, onde a veciñanza puido gozar con pasarrúas musicais, concertos, espectáculos de maxia ou o 'City Chase', a actividade educativa na que participaron escolares de quinto de Primaria de Poio, a través da cal "foron quen de converterse nos mellores investigadores da historia e do patrimonio de Combarro".