Combarro terá cinco novos aparcamentos, tres deles reservados para residentes

Poio
12 de maio 2022

Cinco terreos cedidos polos seus propietarios en Costa de Abaixo, Cela, o Camiño Real e A Pinela, serán habilitados como aparcamentos para solucionar os problemas de estacionamento que se rexistran en Combarro, sobre todo nos meses estivais. A través deste plan, o goberno municipal de Poio prevé habilitar unhas 160 prazas de nova creación

Presentación do plan de aparcamentos para Combarro Concello de Poio

Cinco terreos cedidos polos seus propietarios en Costa de Abaixo, Cela, o Camiño Real e A Pinela, serán habilitados como aparcamentos para solucionar os problemas de estacionamento que se rexistran en Combarro, sobre todo nos meses estivais.

A través deste plan, o goberno municipal de Poio prevé habilitar unhas 160 prazas de nova creación, repartidas entre os máis de 6.000 metros cadrados que se destinarán a este servizo.

A metade das prazas, segundo explicaron este xoves o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, serán en tres espazos situados na Costa de Abaixo, no Camiño Real e entre Cela e Padrón.

Será nestes puntos onde se habiliten as prazas para as persoas residentes no centro de Combarro, que serán dun máximo de 24 horas de permanencia, para garantir a súa rotación.

A Policía Local será a encargada de velar pola correcta utilización destes aparcadoiros.

Sobral agradeceu a predisposición das persoas propietarias das parcelas á hora de acadar un acordo, que permitirá garantir estes aparcadoiros para a veciñanza.

Ademais, de cara ao futuro o Concello tamén prevé repetir medidas como a de dotar como prazas para residentes, de xeito temporal, espazos na Baixada á Chousa e na Rúa Maceira, só durante a tempada estival para compensar a carencia de estacionamentos.

A maiores destes tres aparcamentos para residentes, o goberno municipal chegou a un acordo co Mosteiro de Poio para a cesión de dúas parcelas na Pinela, que suman preto de 3.5000 metros cadrados, e que se destinará a aparcadoiro libre.

Marga Caldas recordou que, xunto con estes estacionamentos, o Concello xa ten redactado un proxecto para habilitar outras 25 prazas a maiores, tamén para residentes na parcela que ocupaba o parque situado no Paseo das Redeiras. Só falta a autorización de Costas.

O mesmo sucede, segundo a edil do BNG, para poder conseguir a xestión municipal das prazas que xa existen noutro espazo situado no paseo que une A Chousa co peirao da Canteira.

Tanto o alcalde como a edil de Seguridade Cidadá garantiron que continuarán as xestións para continuar ampliando prazas e garantindo estacionamento para persoas residentes, de cara a unha mobilidade sostible na contorna do núcleo de Combarro.

Neste sentido, Luciano Sobral adiantou que o Concello está en conversas co Arcebispado para poder habilitar outra zona de aparcadoiros na parcela que actualmente ocupan as ruínas do antigo cine, a carón da igrexa, que permitiría gañar ata 50 prazas máis.