Combarro celebra medio século como Conxunto Histórico, orgulloso das súas xentes

Poio
20 de novembro 2022

A Praza da Chousa conmemoraba este domingo o día grande da programación que o Concello de Poio desenvolveu con motivo do 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico, un acontecemento que tuvo lugar en 1972. No acto estivo presente a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde Luciano Sobral

Celebración do 50 aniversario do recoñecemento de Combarro como Conxunto Histórico Concello de Poio

Domingo de celebración na Praza da Chousa ao cumprirse cincuenta anos do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico, un acontecemento que se remonta ao ano 1972. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Poio, Luciano Sobral; e os integrantes da Corporación municipal acudían a este acto presentado pola actriz Bea Campos.

A emoción e o humor destacaron neste evento no que se proxectaba o vídeo 'Lembranzas: Memoria viva da historia de Combarro', un traballo no que se fai referencia á historia, ao valor patrimonial da vida, á tradición e, principalmente, á xente desta contorna turística. Por este motivo, residentes na zona contaban neste peza audiovisual as súas experiencias relacionadas coa evolución da parroquia mariñeira ao longo das últimas décadas.

A continuación, as autoridades entregaron un obsequio ás persoas participantes no vídeo e a representantes dos colectivos implicados nas actividades desta conmemoración como A Solaina, Armadiña, O Ateneo Corredoira, Clube Mariño A Reiboa e a Comunidade de Montes Rega dos Agros.

Carmela Silva, presidenta da Deputación, destacou a identidade auténtica de Combarro, "un lugar único e marabilloso", expuxo #ante o público asistente ao acto. Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio, Marga Caldas, convidou a seguir marcándose obxectivos para o futuro desta zona.

Luciano Sobral pechou o acto encomiando o traballo e os esforzos realizados por veciñas e veciños que "conseguiron facer de Combarro un lugar de referencia en todo o mundo". Durante a celebración non faltou a música a cargo de Caamaño&Ameixeiras.