Colectivos e institucións que traballan en defensa da memoria histórica promoven unha rede galega de traballo conxunto

Pontevedra
14 de xullo 2018

A reunión celebrouse por iniciativa do concelleiro de Memoria Histórica de Pontevedra, Luís Bará, e contou coa participación de representantes de concellos, deputacións e asociacións e de persoas que traballan no ámbito da investigación e a divulgación sobre a memoria histórica democrática galega 

Reunión na Casa da Luz de institucións, colectivos e particulares en defensa da memoria histórica de toda Galicia Mónica Patxot

Institucións e entidades sociais de toda Galicia reuníronse este venres na Casa da Luz de Pontevedra de cara a impulsar a creación dunha rede galega en pro da memoria histórica e contra o esquecemento e a impunidade. 

A xuntanza tivo como obxectivo intercambiar información sobre experiencias e proxectos arredor da memoria histórica democrática e iniciar unha nova etapa de cooperación arredor de diversas liñas de actuación nesta materia.

A reunión celebrouse por iniciativa do concelleiro de Memoria Histórica de Pontevedra, Luís Bará, e contou coa participación de representantes de concellos, deputacións e asociacións e de persoas que traballan no ámbito da investigación e a divulgación sobre a memoria histórica democrática galega.

O obxectivo principal da xuntanza é impulsar a citada rede, unha plataforma institucional para promover actuacións comúns neste ámbito. Este venres presentáronse e debatéronse as liñas de actuación e en outono haberá outro encontro para formalizar a rede e presentar as primeiras actuacións.

Os promotores prevén a elaboración e aprobación dunha declaración de compromisos para traballar conxuntamente no impulso e desenvolvemento de dez liñas de actuación que empezan pola condena do franquismo e das súas pervivencias e continuidades e inclúen medidas como o desenvolvemento dunha actuación institucional conxunta e dun marco legal axeitado para a localización, exhumación e identificación das persoas desaparecidas.

Outras das liñas de actuación previstas son un compromiso para desenvolver políticas públicas de memoria baseadas no recoñecemento dos dereitos fundamentais que teñen as vítimas e a sociedade no seu conxunto; ou eliminación de simboloxía franquista e de honores e distincións no ámbito das súas competencias, e esixencia de eliminación da simboloxía franquista por parte doutras entidades. Neste sentido, apostan por demandar a desaparición de títulos nobiliarios de exaltación do franquismo.

O resto das medidas son reclamación de cambios legais para que se prohiban os actos e actividades de exaltación ou apoloxía do franquismo, do golpe militar e da Ditadura; realización de actividades de investigación e divulgación sobre todos os tipos de represión entre 1936 e 1977; desenvolvemento no ámbito local de actividades de recoñecemento e homenaxe ás vítimas da represión franquista; demanda de lexislación estatal e galega que permita superar o actual marco de impunidade e pervivencia do franquismo; apoio ás iniciativas pro devolución dos bens expoliados pola familia Franco e creación dun grupo de traballo para o estudo de accións ante organismos internacionais.