Colapsan a oficina de Abanca en Campo Lameiro presentando reclamacións

Umia
03 de setembro 2021

Asesorados por membros da corporación, os veciños foron enchendo as follas de reclamación de xeito individual achegando as súas queixas e protestas pola supresión dun servizos que consideran esencial como clientes do banco e como veciños de Campo Lameiro

Veciños de Campo Lameiro coas súas reclamacións para Abanca

En apenas cinco días, Campo Lameiro quedará sen servizos bancarios. Abanca pechará a súa oficina no municipio, pero a veciñanza non perde a esperanza de que a entidade rectifique. 

Así, como medida de presión, ducias de persoas colapsaron este venres a oficina bancaria para presentar de maneira individual follas de reclamación para protestar contra o peche.

Asesorados por membros da corporación, os veciños foron enchendo as follas de reclamación de xeito individual achegando as súas queixas e protestas pola supresión dun servizos que consideran esencial como clientes do banco e como veciños de Campo Lameiro.

Coa intención de deixar operativa a oficina e permitir que a xente maior que se achegaba ao banco puideran cobrar os cartos das súas pensións, os empregados acordaron realizar a recollida das follas de reclamación de xeito paralelo, no exterior da sucursal.

Deste xeito foron entregando por quendas as numerosas follas de reclamación, que se ían recollendo dun xeito ordenado e que foron recepcionadas polos responsables da sucursal para a súa tramitación interna nos servizos de atención ao cliente que posúe o propio banco.

Entre as alegacións que esgrimen os veciños nos seus escritos que inclúen nas follas de reclamación refírense a que o peche da sucursal privará á veciñanza do rural deste concello do acceso a un servizo esencial, fundamental para a fixación de poboación.

Tamén aseguran que non dispoñen de transporte público coas poboacións máis próximas onde hai oficinas bancarias (Pontevedra, Moraña ou Cerdedo) o que implicará o uso do taxi co correspondente prexuízo económico colateral que isto supón.

De non ser atendidas as súas demandas trasladarán as súas queixas ao Banco de España.