'Cociñando sen muros', unha noite gastronómica con carácter solidario

Pontevedra
16 de decembro 2016

Oito cociñeiros do Grupo Nove unen o seu talento ante os fogóns nunha causa solidaria: a dos refuxiados. Esta crise humanitaria, a peor desde a II Guerra Mundial, será o eixe dun showcooking -con degustación incluída- que se celebrará o próximo luns 19 de decembro, a partir das oito da tarde, no Pazo da Cultura de Pontevedra

Presentación do showcooking solidario "Cociñando sen muros" Mónica Patxot

Oito cociñeiros do Grupo Nove unen o seu talento ante os fogóns nunha causa solidaria: a dos refuxiados. Esta crise humanitaria, a peor desde a II Guerra Mundial, será o eixe dun showcooking -con degustación incluída- que se celebrará o próximo luns 19 de decembro, a partir das oito da tarde, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Trátase dunha iniciativa para recadar fondos para a ONG Proem-AID (Professional Emergency AID), un colectivo formado por bombeiros e membros de Protección Civil, que se dedican ao salvamento e rescate das persoas refuxiadas que chegan por mar á illa de Lesbos.

Un dos voluntarios da asociación é Alberto Agrelo, un bombeiro do Grove que ten previsto regresar a Lesbos en febreiro de 2017. A situación alí, recoñece, "é moi dura". Ata Lesbos chegan familias enteiras en embarcacións "que non están preparadas para a navegación" e que protagonizan escenas desgarradoras.

"É terrible ver como un pai nada máis chegar entrega o seu fillo a unha persoa descoñecida para que se faga cargo del. Se un chega a ese extremo é porque o que está deixando atrás é unha loucura", recorda este voluntario da súa experiencia nesta illa grega.

Nesta noite gastronómica o recibidor do Pazo da Cultura converterase nun restaurante efémero que estará atendido por algunhas das mellores figuras da cociña nacional.

Pepe Solla (Casa Solla), Javier Olleros (Culler de Pau), Iñaki Bretal (Eirado da Leña), Eduardo Prado (Casa Prado), Álvaro Villasante (Paprica), Héctor López (Restaurante España), Antonio Botana (Pandemonium) e Roberto Filgueira (O Balado) elaborarán tapas deseñadas para a ocasión a un prezo simbólico de cinco euros.

Todos os fondos recadados se destinarán integramente a cubrir os gastos dos operativos desprazados en Lesbos coma o transporte, o equipamento das embarcacións empregadas para o rescate, o aloxamento e a manutención diaria do equipo.

Cada un destes restaurantes aporta de forma desinteresada os produtos cos que se van a preparar os pratos que se servirán durante este showcooking, que conta ademais coa colaboración de Mahou, Bodegas Pazo Pondal, Despensa Vinoteros e o CIFP Carlos Oroza.

"Tiñamos que estar aquí", explicou Javier Olleros sobre a presenza dos cociñeiros nesta iniciativa. Aos galegos esta crise, dixo, "tócanos moi de preto" polo noso pasado emigrante. O seu pai foi un deles. "Eu vexo a cara do meu pai nesta xente", recordou emocionado, ao relatar como emigrou a Suíza sen apenas nada na busca dun futuro incerto.

A música será outro dos pratos fortes da velada. O músico vigués Nicolás Pastoriza protagonizará o concerto da noite no que estará acompañado do chef Pepe Solla e do sumiller Juanjo Treus, realizando unha maridaxe especial e única entre música e gastronomía.

Para completar a oferta deste evento solidario, a entrada do Pazo da Cultura estará ambientada cunha exposición de fotografías que busca mostrar o paralelismo entre a emigración galega durante a Ditadura e a situación dos refuxiados que chegan á illa de Lesbos.

Así, o fotoxornalista Óscar Vifer exporá fotografías do seu traballo "Dinghy", tomadas durante a súa estancia en Lesbos e que reflicten a crueza da situación dos campos de refuxiados e a labor humanitaria desempeñada polos voluntarios de Proem-AID. A mostra se completará con fotografías do éxodo galego que aporta o Concello de Pontevedra.

Todas aquelas persoas que non poidan acudir ao Pazo da Cultura pero queiran aportar o seu gran de area a esta causa, poderán realizar os seus donativos a través da Fila Cero habilitada na conta da asociación: ES49 1491 0001 2021 75491022.

A falta de financiamento foi o motivo principal da interrupción da actividade da ONG en agosto deste ano. Ata ese momento, contou con 80 voluntarios -media ducia deles galegos- que colaboraron no rescate de máis de 50.000 persoas dende novembro de 2015.

Ademais de realizar tarefas de salvamento, colaboran activamente con outras entidades sociais despregadas na zona para a asistencia de persoas dentro dos campos, a atención psicolóxica dos nenos refuxiados ou a sensibilización ao medio acuático.