Clases non presenciais e exames virtuais, entre os plans da Universidade de Vigo

Pontevedra
04 de abril 2020

O campus de Pontevedra comeza a prepararse ante a posibilidade, cada vez máis real, de ter que completar o actual curso escolar de xeito non presencial. A Universidade de Vigo, segundo o seu reitor, xa está a traballar nun plan de futuro para adoptar un formato educativo virtual

Alumno da universidade diante dun ordenador Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra comeza a prepararse ante a posibilidade, cada vez máis real, de ter que completar o actual curso escolar de xeito non presencial. A Universidade de Vigo, segundo o seu reitor, xa está a traballar nun plan de futuro para adoptar un formato educativo virtual.

Así o explica Manuel Reigosa na carta que vén de remitir a todo o persoal docente e investigador ante a posibilidade de que, por mor da situación xerada pola expansión do coronavirus, non poida retomarse a docencia presencial no que resta de curso.

"Non sabemos ata cando durará o estado de alarma, nin en que momento nin en que condicións poderemos volver á docencia presencial", recoñece Reigosa, que apunta que "semella claro" que o curso non vai ter máis clases presenciais "agás que se nos permita regresar ás aulas na segunda quincena de maio".

Esta situación será abordada o vindeiro luns, na xuntanza que os reitores das tres universidades galegas manterán coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar.

A este respecto, o reitor apunta a posibilidade de que os exames teñan que facerse por medios telemáticos, á vez que adianta que o equipo de goberno ofrecerá a vindeira semana unha solución ao alumnado que carece do soporte necesario para seguir as clases de xeito virtual.

"Estamos a traballar en dúas solucións tecnolóxicas para efectuar exames a distancia, pero ambas presentan un custo de aprendizaxe elevado para o profesorado e unha delas tamén ten un importante custo económico", adianta o reitor.

De poder finalmente realizarse os exames de xeito presencial, estes obrigarán a "extremar as precaucións" para evitar acumulacións de estudantes nunha mesma sala ou nos corredores, polo que "probablemente haxa que reorganizar as probas".

Neste escenario, a universidade insta ao profesorado a empregar as ferramentas que teñen á súa disposición para a docencia virtual e solicítalles que non requira "traballo de máis ao estudantado", tras ter recibido un "número elevado de queixas" por parte do alumnado ante a carga académica "excesiva" nalgunhas materias.

No relativo ás prácticas en empresas, o prácticum, as estadías clínicas ou as prácticas de laboratorio e de campo, Manuel Reigosa sinala que no ámbito estatal búscase ofrecer unha solución conxunta e que a universidade atópase "avaliando distintas posibilidades".