Clamor en Poio por novos cribados tras superar por primeira vez os 200 casos activos por covid-19

Poio
20 de xaneiro 2021

Poio converteuse nunha das maiores preocupacións da área sanitaria de Pontevedra. Os contaxios continúan disparados e a incidencia acumulada está en niveis nunca vistos. E é que, por vez primeira, os casos activos por covid-19 no municipio superan os douscentos

Cribado no Vao para detectar asintomáticos

Poio converteuse nunha das maiores preocupacións da área sanitaria de Pontevedra. Os contaxios continúan disparados e a incidencia acumulada está en niveis nunca vistos. E é que, por vez primeira, os casos activos por covid-19 no municipio superan os douscentos.

Son, en concreto, 201. Segundo os rexistros do Servizo Galego de Saúde, son 25 máis que onte. 

Desde o goberno municipal auguran que este incremento seguirá nos vindeiros días e, por iso, fan un novo chamamento á cidadanía para que só saian dos seus domicilios para realizar aquelas xestións que sexan de primeira necesidade.

"Veñen días moi duros, polo que debemos coidarnos e manter a disciplina, ou do contrario as consecuencias desta terceira vaga da pandemia poden ser nefastas", advirte o alcalde.

Luciano Sobral realizou esta valoración despois de visitar o local social do Vao, onde este mércores finaliza o cribado masivo efectuado pola área sanitaria e no que estaban chamadas a participar as preto de 450 persoas censadas neste núcleo da parroquia de San Salvador.

As inclemencias meteorolóxicas motivaron que os análises efectuados nas últimas horas se desenvolvesen no interior do local, mantendo en todo momento as pertinentes medidas de seguridade e hixiénicas.

O alcalde valorou positivamente o alto índice de participación por parte dos veciños, o que servirá para detectar posibles casos asintomáticos e actuar no menor tempo posible.

Tras este cribado, Sobral reiterou que esta recollida masiva de mostras deben estenderse a outros lugares do municipio onde a situación é "moi preocupante", como é o caso de Campelo.