Clamor en Barro para que se eliminen as restricións pola covid-19

Barro
11 de decembro 2020

A pesar de que as autoridades sanitarias confirmáronlle ao alcalde que se Barro mantiña unha boa evolución, este venres pasaría ao nivel básico -que ten a comunidade galega en conxunto-, finalmente non foi así e o malestar é máis que evidente

Protesta dun grupo de hostaleiros de Barro José Sanmartín Soto

En Barro non logran entender por que, tendo unha incidencia similar ou mesmo menor que outros concellos da área sanitaria de Pontevedra que non teñen restricións especiais, non se levantan as medidas aprobadas por Sanidade.

A pesar de que as autoridades sanitarias confirmáronlle ao alcalde que se Barro mantiña unha boa evolución, este venres pasaría ao nivel básico -que ten a comunidade galega en conxunto-, finalmente non foi así e o malestar é máis que evidente.

Sanidade confirma que hai só seis casos activos por covid-19 en Barro e que a incidencia acumulada a 14 días, o principal indicador para as restricións, é de 108 casos por cada 100.000 habitantes, moi por debaixo dos 135 que había hai dous días.

Ademais, Xosé Manuel Fernández Abraldes recorda que, en liñas xerais, os datos de Barro son os que teñen Moraña, Caldas de Reis, Portas ou a maioría de concellos da comunidade galega que non teñen restricións especiais.

Nunha conversa co xerente da área sanitaria, segundo relata Fernández Abraldes, este manifestoulle que puido ser un erro na valoración dos datos de Barro e que ía falar cos responsables da consellería en Santiago para intentar corrixilo. 

"Sempre fun moi respectuoso coas decisión técnicas que tomaba a Xunta, a pesar de non compartilas moitas das veces, pero o que non acepto é a discriminación que fai que Barro teña que estar sufrindo restricións especiais cando hai moitos concellos con igual ou peor situación sanitaria que non as teñen", destacou o alcalde.

Esta decisión, engadiu o rexedor de Barro, ten consecuencias económicas "para moita xente", polo que entende que se non é por motivos sanitarios "hai que corrixila de forma inmediata" para non sufrir un agravio con respecto a outros concellos.

PROTESTA DOS COMERCIANTES

Tamén os comerciantes e hostaleiros de Barro concentráronse nas últimas horas para reclamar a desaparición do peche perimetral que hai na actualidade, xa que consideran que é prexudicial para os seus respectivos negocios.

Recordan que todos eles cumpren as normas estritamente, pero apuntan que Barro é un sitio de paso e, pola súa situación estratéxica, hai moita xente que vai a mercar e consumir nel.