Ciudadanos denuncia "deficiencias" na instalación do saneamento en Xeve

Pontevedra
16 de xullo 2020

Facéndose eco das denuncias dos veciños, Ciudadanos asegurou que as obras de instalación da rede de saneamento en Xeve, executadas pola empresa  Viaqua, está a realizarse con "deficiencias" á hora de trazar a liña xeral

Zona de Xeve na que xa se instalou o saneamento Ciudadanos Pontevedra

Facéndose eco das denuncias dos veciños, Ciudadanos asegurou que as obras de instalación da rede de saneamento en Xeve, executadas pola empresa  Viaqua, está a realizarse con "deficiencias" á hora de trazar a liña xeral.

Esta situación, segundo o partido laranxa, provocará un "elevado custo" de conexión e vertedura para os veciños do lugar e, ademais, deixou sen conexión a varios grupos de casas.

Os veciños explican que a rede executouse pola zona de "menor custo para a empresa" sen ter en conta que isto implica que a maior parte das vivendas teñan que bombear as augas residuais por conta propia.

Isto supoñerá, segundo Ciudadsnos, un desembolso de diñeiro que nalgúns casos supera os 10.000 euros.

Outro dos problemas que expoñen é a non accesibilidade á rede de saneamento daquelas casas que se atopan por baixo do nivel da rede xeral e a unha distancia superior a 50 metros, dándolles como opción a instalación dunha fosa séptica conforme á nova normativa europea, cun custo de ata 5.000 euros.

O baleirado habitual destes pozos supón ademais un investimento de preto de 200 euros.

O custo da conexión á rede xeral tamén é variable segundo cada caso, superando nalgúns deles os 4.000 euros para unha conexión de 12 metros á rede xa existente.

Ciudadanos demanda que se fagan as obras necesarias para que todos os veciños teñan acceso ao servizo en igualdade de condicións e que se faga unha liña á que accedan todas as augas fecais dos veciños que están nunha zona máis baixa, a partir da cal se instale un sistema de bombeo que derive as augas fecais á liña de saneamento principal.