O Pazo da Cultura volveu encherse este luns de espectadores e, sobre todo, de ironía, humor, música e diversión coa primeira eliminatoria do XXXIII Concurso de Murgas do Entroido de Pontevedra.
Como xa é habitual, non quedaba un oco no patio de butacas para gozar das propostas irreverentes do catro primeiras Murgas deste ano: Murga do Naveiro, A Tropa de Moncha a Caralla, Val do Lérez e Tutan Kenson XXL, que actuaron por esa orde.
Sorprenderon as letras, pero non o fondo do seu significado, pois todas reivindicaron o significado mesmo da cita. A Murga do Naveiro, que inaugurou a noite, mesmo o lembrou na última das súas cancións: "unha murga é isto rirse de todo, con moito respecto que é cousa seria ou Carnaval".
"E se alguén se sinte ofendido Traballo feito, traballo cumprido; se te picas, allos comerás", concluíu este grupo, que se presentou como 'Construciones Jacinto, te canto y te pinto' e titulou o seu espectáculo 'Coas mans na masa'.
Tamén os encargados de pechar o espectáculo, Tutan Kenson XXL, quixeron pór o broche á súa actuación dedicándolla a "vos ofendidoooos" e lembrando esta finalidade: "E para o ano volveremos... Criticar no Carnaval!".
A noite capitaneouna outra institución xa do Entroido pontevedrés, a actriz María Carrera, que non decepcionou cos seus números humorísticos animando máis de dúas horas e media de actuacións e facendo unha oferta ao concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, para presentar os Premios Feroz, que en 2025 e 2026 teñen a súa sede en Pontevedra.
Non dubidou en sacar a bailar a Demetrio Gómez e mesmo, xusto antes da última murga, convidou ao portavoz do PSOE, Iván Puentes, a que oficiase a súa voda alí mesmo. As súas ganas de matrimonio xa as anunciara pouco despois de empezar a noite, ao ritmo de Karol G. Se a canción orixinal canta "Yo me caso contigo", ela levouna ao seu terreo: "Yo me caso con Lores".

A cita anual coa retranca detívose, como tocaba, na actualidade local. A Murga do Naveiro fixo un repaso por Raíña Vitoria, co paso do Camión de Jacinto por ela a pesar de estar "cortada", "eu que son máis chulo que Dios", e por unha Ferrería na que "había focos, cámaras a patadas, eran os dos Premios Feroz".
Ao ritmo da famosa 'Poldra Salvaje' de Isabel Aiún, acordáronse dos principais políticos da cidade. "Rafa Dominguez perdendo a esperanza, Iván Puentes fálalles de pantasmas e, mentres, Lores pensando no imserso e na xubilación".
Foi o alcalde o gran protagonista: "Ti es un Lores Salvaxe, nin Puentes nin Rafa séguenche ou ritmo. Non hai ninguén que te ate e segues poñendo lombos non camiño".
A tropa de Moncha A Caralla centrou a súa actuación na actualidade económica e, co seu espectáculo 'Supermonchas' e as súas "ofertas válidos do 1 ao 8 de marzo 2025", ironizou cunha das principais preocupacións actuais da poboación: "Encher a cesta do super, para moitos, é un luxo, porque a vida solo sobe, está todo a prezo de ouro, ou polas nubes".
Esta Murga do Grove non se esqueceu da política local da súa zona, onde "como ás noites non hai poli local, éntranche os cacos na casa a roubar, imos ter que facer unha patrulla montada a cabalo para vigilar".
Coma se fosen os típicos 'cuñados' que non faltan en ningunha familia, presentáronse Os do Val do Lérez coa súa 'Díghocho eu': "Se tes un coche, o meu ten máis cabalos. Se vas a Roma, eu vivín cos romanos. Se fas bo viño, o meu é un viñazo".
Como bos 'cuñados', falaron de política: "Que volve Donald Trump". E o humor non lles restou solidariedade e tiveron un recordo para a DANA de Valencia. "Quedei moi consternado, dende aquí o meu apoio para os valencianos".
Non faltaron tampouco os Premios Feroz nas súas coplas: "Feroz en Pontevedra, foi unha grande cita, ata o noso Milores foiche de pajarita. Montaron unha carpa, que grande estrutura, quedouche máis desfeita que o nariz de Andi e Lucas".
A noite pechárona Tutan Kenson XXL, chegados desde Exipto e, en realidade, do Grove. E lembraron que o seu pobo "estáche desfeito. E xa no hai por onde collelo". Alí, como en Exipto, "o Farón estáche contento, que a oposición son momias nos plenos".
'Os burriños da Toxa' al ritmo de 'El burrito Sabanero' de David Bisbal e o seu 'Tuqui, Tuqui, Tuqui' animaron o auditorio xa ben entrada a noite e non dejaron sen criticar a ningún protagonista da política estatal: "Anda o burro máis salido ca Errejón o de Sumar", "Un jabalí que anda abravaaado, bautisámolo Abascal", "Que si o fiscal, Ayuso, Koldo, Ábalos, Begoña... mai-lo irmán. Quen rouba máis? ¡Xa me da ighual" Vou pá D'Berto e a factura... que a paghe Juancar".