Un círculo por cada vida arrebatada pola violencia machista

Pontevedra
22 de novembro 2024
Actualizado: 14:33

O Concello de Pontevedra instalará 30 círculos negros, coas iniciais e idades das mulleres asasinadas desde o ano 2003, e 2 brancos, coas dos dous irmáns vítimas de violencia vicaria

Carteis contra a violencia machista no IES Valle Inclán de Pontevedra

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Concello de Pontevedra lembrará a todas as vítimas de violencia machista e vicaria na provincia de Pontevedra desde que hai datos oficiais.

Será a través dunha instalación artística que se inaugurará o luns 25-N ás 11:00 horas.

Contará con 30 círculos negros, coas iniciais e idades das mulleres asasinadas desde o ano 2003, e 2 brancos, coas iniciais dos dous irmáns vítimas de violencia vicaria.

A obra inclúe tamén un círculo máis grande cun texto explicativo que finaliza cunha clara mensaxe: "Non mires cara a outro lado. SON ASASINATOS".

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, será a encargada de completar a mostra coa colocación dun círculo cun 25-N e outro do Concello de Pontevedra, lembrando así ás dúas últimas mulleres asasinadas na provincia: Fadua A, de 41 anos, asasinada en outubro, e Estela B.S, de 36, asasinada en novembro.

A programación municipal ao redor desta data terá como colofón unhacharla-coloquio coa xornalista e escritora Cristina Fallarás, que traballa desde hai anos na recollida de testemuños de mulleres que sufriron violencia machista para que non caian no esquecemento. Con ela estará a ex-concelleira de Igualdade, Carme Fouces, impulsora da campaña #PrimAcoso do Concello de Pontevedra.

Será o 17 de decembro, no Teatro Principal.

Ademais, neste foro, proxectarán o videoclip coa canción 'Memoria das mulleres' realizado por alumnado de varios institutos da cidade, ao amparo do programa municipal 'Memoria de elefanta', que une mocidade e memoria.

'Son muller, son Diana', é a lema da campaña do 25-N do Concello, que reivindica, segundo Anabel Gulías, "a necesidade de pór no centro da axenda política e da axenda pública que nos seguen matando por ser mulleres".