Cinco mulleres "exemplos de vida" para conmemorar o 8M en Poio

Poio
24 de febreiro 2023

Julia Prado Iglesias, Laura Currás Fernández, Rosa Rey Amoedo, Dolores Balboa Barreiro e Peregrina García Castro serán as protagonistas do acto principal do programa do Día Internacional da Muller, que se celebrará no Palacete de Besada o venres 10 de marzo
 

Presentación do 8M 2023 en Poio Concello de Poio

Cinco mulleres de Poio, Julia Prado Iglesias (Raxó), Dolores Balboa Barreiro (Samieira), Laura Currás Fernández (Combarro), Peregrina García Castro (San Xoán) e Rosa Rey Amoedo (San Salvador), serán este anos as protagonistas do acto principal do programa do Día Internacional da Muller, que se celebrará no Palacete de Besada o venres 10 de marzo.

A tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz; e a psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Lidia Fazanes, deron a coñecer este venres a programación que desde este departamento municipal se organiza para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. 

O programa, baixo o lema ‘Visibles, empondeiradas, iguais’, inclúe actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes, e o acto central será este do venres 10 de marzo, a partir das 20.00 horas. Unha artesá de Poio, Alba López, de Buchiladas, deseñará os agasallos que se entregarán ás homenaxeadas.

Trátase dun acto que se recupera despois de dous anos suspendida pola pandemia da covid-19 e a proposta e elección das homenaxeadas foi realizada polas asociacións que forman parte do Consello Municipal da Muller.

Silvia Diaz destacou que as cinco homenaxeadas son "un exemplo de fortaleza, superación e de vida para todas e todos nós” e insistiu en que é necesario "dar visibilidade e coñecer a historia das mulleres que nos rodean e que son os nosos modelos máis inmediatos, valorar a importancia da contribución á sociedade das nosas nais e as nosas avoas".

Así, insiste en que o seu papel foi durante moitos anos relegado a un segundo plano, "e delas temos moito que aprender”.

  • Julia Vallejo durante moitos anos compaxinou os seus estudos na escola coas tarefas no fogar. Tamén traballou en sectores como a conserva ou o bateeiro. 
  • Laura Currás é coñecida por rexentar o Hogar del Puerto, un dos establecementos hostaleiros máis emblemáticos de Combarro.
  • Rosa Rey exerceu de mestra de primaria durante décadas, formando a varias xeracións de nenos e nenas. É coñecida tamén pola súa paixón polo teatro e colaborada habitual da Asociación Veciñal do Vao.
  • Dolores Balboa conta cunha longa experiencia traballando nas conserveiras. Ademais, chegou a ter oito ferrados, ao tempo que coidaba galiñas, porcos e unha vaca na súa Samieira natal. Todo isto sen renunciar á música, unha das súas grandes paixóns, sendo unha das pandeireteiras máis coñecidas da vila.
  • Peregrina García Castro segue a día de hoxe axudando aos seus veciños e veciñas no que sexa necesario, ao tempo que traballa na súa horta. Durante moitos anos encargouse de levar leite ás casas e a vender centeo e follato na Praza da Leña de Pontevedra.

 

Ese día tamén se presentará o libro Mulleres en Poio 2023, realizado por Polo Correo do Vento e ilustrado por Tania Solla e que aborda a vida das cinco homenaxeadas.  

As vidas de Julia, Dolores, Laura, Peregrina e Rosa serán tamén o eixe central dos contacontos que se levarán a cabo por parte dos propios integrantes de Polo Correo do Vento nos colexios do municipio. A primeira sesión terá lugar o día 21 no CEIP Viñas para, a continuación, desenvolverse en Lourido e Isidora Riestra (xoves 23) e Chancelas e Espedregada (venres 24).