Cinco ideas de negocio do Campus Crea aspiran a converterse en proxectos empresariais

Pontevedra
02 de outubro 2022

O programa In-Teams ten como obxectivo favorecer a creación de proxectos empresariais que tivesen como punto de partida resultados de investigacións desenvolvidas no Campus Crea ou as propias ideas de negocio das persoas participantes  

Biblioteca da facultade de Ciencias Sociais Cristina Saiz

Converter hórreos en espazos de aloxamento accesibles, xerar produtos téxtiles con teas desbotadas, desenvolver un programa de exercicio que contribúa a atenuar os síntomas do Párkinson, impulsar un negocio de venda de conxelados a domicilio no rural e xerar unha ferramenta que permita incorporar criterios de sostibilidade na planificación dunha carreira. 

Estas son as cinco ideas de negocio que os participantes no programa In-Teams buscarán converter nun proxecto empresarial nesta iniciativa promovida pola Universidade de Vigo e AJE-Pontevedra no marco da rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Este programa ten como obxectivo favorecer a creación de proxectos empresariais que tivesen como punto de partida resultados de investigacións desenvolvidas no Campus Crea ou as propias ideas de negocio das persoas participantes. 

Seis mulleres e tres homes, con formacións moi variadas, que abranguen desde o dereito e a bioloxía ata a fisioterapia, segundo destacan desde a organización, participan finalmente nunha actividade que iniciaba hai uns días as súas sesións formativas, que se desenvolven de xeito virtual, e que se completará coa entrega de premios aos dous mellores proxectos.

O 20 de outubro está previsto o acto de defensa deses plans de empresa, que os participantes terán que presentar diante dun xurado integrado por representantes da Universidade e AJE-Pontevedra que encargarase de ditaminar que equipos serán merecedores dun primeiro premio de 750 euros e dun segundo de 500.