Cinco galegos e unha muller peruana, as vítimas mortais do autobús accidentado en Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
25 de decembro 2022

Cinco galegos, tres mulleres e dous homes, e unha sexta persoa, unha muller de nacionalidade peruana residente en Galicia, son as seis vítimas mortais do accidente que sufriu onte á noite un autobús en Cerdedo-Cotobade. Todos os falecidos teñen entre 21 e 70 anos

Tarefas de rescate das vítimas do autobús accidentado en Cerdedo EFE / Sxenick

Cinco galegos, tres mulleres e dous homes, e unha sexta persoa, unha muller de nacionalidade peruana residente en Galicia, son as seis vítimas mortais do accidente que sufriu onte á noite un autobús en Cerdedo-Cotobade.

O autocar, con oito persoas no seu interior, saíu da estrada N-541 e caeu ao río Lérez tras esnaquizar o valo de protección da ponte que o atravesaba no lugar de Pedre.

dúas persoas, o condutor deste autobús da empresa Monbús que cubría a liña Lugo-Vigo e unha das súas pasaxeiras, unha muller que subira ao vehículo en Monterroso (Lugo), lograron sobrevivir ao impacto. Ela, iso si, esta ingresada na UCI de Montecelo.

Todos os falecidos, que teñen entre 21 e 70 anos, foron localizados, tres deles no propio autobús e os outros tres en diferentes tramos do río Lérez, e os seus corpos foron retirados polos equipos de rescate.

O máis novo, de apenas 21 anos, é veciño de Nigrán, unha promesa do boxeo galego que estudaba en Lugo e regresaba a casa para cear coa súa familia.

Nigrán decretou tres días de loito oficial pola súa morte, tempo no que as bandeiras de todos os edificios oficiais ondearán a medio mastro.

Outros dous dos falecidos, nai e fillo, residían no municipio pontevedrés de Lalín e eran naturais do concello de Agolada. Ela, xa xubilada, fora empregada durante anos dunha coñecida pastelería do municipio.

O cuarto falecido galego é unha profesora de instituto. De 44 anos, natural de Lugo e residente en Lalín, era nai de dous fillos de 8 e 5 anos. Traballaba como mestra de lingua e literatura no IES 1 do Carballiño (Ourense), onde comezara a dar clase este curso.

A corporación municipal de Lalín, por unanimidade de todos os grupos políticos, decidiu decretar desde esta noite dous días de loito oficial e poñer as bandeiras a medio mastro polo falecemento de tres dos seus veciños neste accidente.

De Agolada era ademais a quinta das falecidas, unha muller de 58 anos, gandeira de profesión e exesposa dun concelleiro do PP nesta localidade.

Nestes catro casos subiron ao autobús para viaxar ata Pontevedra, onde todos eles tiñan familiares cos que ían pasar a Noiteboa.

A sexta e última vítima mortal é unha muller de nacionalidade peruana residente en Soutomaior, que colleu o autobús na parada anterior ao lugar do accidente, próximo á casa de Cerdedo-Cotobade na que traballaba coidando dunha persoa maior.

Todas as familias dos falecidos foron localizadas e recibiron apoio psicolóxico por parte de profesionais especializados en catástrofes, un servizo que ofreceu de maneira altruísta o Colexio Oficial de Psiquiatría de Galicia.

Arquivado en