Cinco falecementos por covid-19 en Galicia durante esta xornada, un deles en Montecelo

Pontevedra
10 de xaneiro 2021

A vítima 87 da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é un varón de 74 anos de idade que contaba cun historial clínico con enfermidades previas. Durante a fin de semana tres persoas falecían por coronavirus no Hospital Montecelo

Urxencias do Hospital Montecelo Mónica Patxot

Un home de 74 anos converteuse este 10 de xaneiro na vítima 87 por covid-19 desde que se notifican os falecementos pola pandemia na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

O home perdía a vida no Hospital Montecelo durante as últimas horas e, segundo especifica o Servizo Galego de Saúde, contaba cun historial clínico no que figuraban outras enfermidades previas.

Únese a outros dous falecementos que se producían esta fin de semana no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, unha muller de 77 anos e un home de 69, que tamén se atopaban ingresados en Montecelo.

A Consellería de  Sanidade notificou este domingo 10 de xaneiro cinco falecementos en Galicia debido á enfermidade do coronavirus. Ao home ingresado en Montecelo hai que sumar outros dous homes, de 61 e 85 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; outro home de 72 anos no Hospital de Ourense e un último paciente, con 80 anos no Hospital Comarcal da Mariña. Segundo a Consellería, todas as vítimas contaban con patoloxías previas nas súas historias clínicas.

Con estas nove mortes durante as últimas 24 horas, Galicia suma xa 1.450 falecementos por covid-19 desde que se contabilizan as mortes por parte da Consellería de  Sanidade.