Tres lugares novos, o Arquivo Histórico provincial, o depósito e o cemiterio de San Amaro e os xardíns de Lourizán, e dous que repiten, Villa Pilar e o colexio Sagrado Corazón de Praceres. Serán os cinco espazos que se poidan visitar dentro da Semana do Patrimonio Invisible.
A segunda edición deste programa desenvolverase entre os días 15 e 17 de xullo. Será preciso inscribirse previamente, a partir deste sábado ás 11:00 horas, en www.patrimonioinvisible.gal.
As visitas serán en grupos reducidos, entre doce e quince persoas dependendo do espazo, segundo explicou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda.
Estas visitas guiadas se fundamentan na filosofía de poñer en valor o patrimonio "dándoo a coñecer á veciñanza", ofrecendo aos visitantes unha "experiencia cultural única", engadiu Moreda, xa que estes espazos "normalmente non están accesibles".
As visitas terán unha duración dunha hora cada unha e serán guiadas por persoal especializado que dará a coñecer estes espazos con rigor histórico.
Durante o percorrido, abordaranse cuestións relacionadas coa arquitectura e a súa historia particular, como o tipo de construción ao que responden ou mesmo as familias que os habitaron en diferentes épocas.