Cinco detidos por roubar 80.000 euros en xoias nunha xoiaría de Vilagarcía

O Salnés
03 de decembro 2024

Os detidos por este asalto, catro homes e unha muller de diversas nacionalidades, formaban parte segundo os investigadores dun grupo criminal itinerante que actuaba por toda España

Patrulla da Policía Nacional en Pontevedra Mónica Patxot

A Policía Nacional detivo cinco persoas que roubaron xoias por valor de máis de 80.000 euros dunha xoiaría de Vilagarcía de Arousa.

Os detidos, catro homes e unha muller de diversas nacionalidades, formaban parte segundo os investigadores dun grupo criminal itinerante que actuaba por toda España.

O atraco rexistrouse o pasado 11 de novembro cando os integrantes deste grupo subtraeron do establecemento unha manta con cadeas de ouro.

Todos eles actuaron "perfectamente organizados", subliñou a comisaría provincial.

Mentres uns distraían aos empregados e aos clientes, outro dos ladróns aproveitou para subtraer o maior número de xoias posibles da xoiaría, axudado polas tarefas de vixilancia dos seus compañeiros e polos dispositivos cos que se comunicaban entre eles.

Unha vez que se apoderaron do botín saíron fuxindo á carreira.

Os axentes, tras unha rápida actuación, lograron identificar e localizar a dous dos integrantes da banda en Santiago de Compostela, onde foron detidos.

Os outros tres membros do grupo criminal foron interceptados por unha patrulla de tráfico da Garda Civil e, posteriormente, detidos por integrantes do grupo local operativo de comisaría da Policía Nacional en Ponferrada (León).

Todos os detidos contaban con numerosas detencións e reclamacións tanto policiais como xudiciais por feitos similares en diferentes puntos da xeografía española.

O cinco arrestados foron postos a disposición xudicial en diferentes xulgados de Vilagarcía de Arousa e Ponferrada.