Cinco detidos nunha operación policial contra o trapicheo de droga en domicilios da Seca

Pontevedra
28 de novembro 2024

O subdelegado do Goberno indica que había queixas dos veciños do barrio "polo tránsito de persoas que acudían a estes domicilios a comprar drogas". Interviñeron haxix e marihuana

Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra

Un operación policial desenvolvida durante a xornada deste mércores 27 de novembro no barrio pontevedrés da Seca saldouse con cinco persoas detidas.

A investigación tiña como obxectivo acabar cunha rede que se dedicaba ao trapicheo de droga en domicilios deste barrio.

Segundo a información facilitada polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, na operación rexistráronse tres domicilios deste barrio e confiscouse diversas cantidades de haxix e marihuana, así como material para distribuír a droga e diñeiro en metálico produto da súa venda.

Os detidos son tres homes e dúas mulleres de nacionalidade española e todos eles quedaron en liberdade á espera de que o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra os cite a declarar.

A intervención, bautizada DRAI, responde á necesidade de mellorar a seguridade neste barrio pontevedrés, pois, segundo explicou Losada, había queixas dos veciños do barrio da Seca "polo tránsito de persoas que acudían a estes domicilios a comprar drogas".

O subdelegado dá por desarticulada esta rede de venda de droga e destaca que "a tranquilidade" da xente que vive na Seca e as inmediacións "tamén é un obxectivo policial".

Así, defende que "actuar contra os que delinquen é importante, pero que a cidadanía poida desenvolver a súa vida con normalidade, tamén".

Abel Losada aplaudiu este xoves o "excelente traballo" da Comisaría de Pontevedra "para reforzar a seguridade cidadá" e para "incrementar as patrullas na rúa".

Segundo indicou, "está a reforzarse a presión sobre os puntos de distribución de droga, sen importar o tipo de sustancia ou a intensidade do tráfico".

Felicitou tamén á Policía Local de Pontevedra, que colaborou "activamente" para que esta operación puidese desenvolverse con resultados satisfactorios.