Cinco anos do día que 'Capi' agrediu a Rajoy en Pontevedra e a súa labazada se viralizou

Pontevedra
16 de decembro 2020

16 de decembro de 2015. Unha labazada irrompía na campaña electoral das eleccións xerais e viralizaba dúas imaxes de Pontevedra. A foto de Mónica Patxot para PontevedraViva e o vídeo de Diario de Pontevedra encheron medios de toda España e parte do estranxeiro. O mozo 'Capi' irrompía na escena mediática e aínda non a deixou 

Mariano Rajoy logo da agresión Mónica Patxot

16 de decembro de 2015. Mariano Rajoy daba o seu enésimo paseo electoral por Pontevedra. Nesta ocasión, na recta final da campaña para as eleccións xerais do 20 de decembro, nas que o ex presidente do PP acabaría gañando con 123 deputados. Todo discorría con normalidade, ata que, de súpeto, unha labazada cambiou o discorrer do día e, para unha familia pontevedresa, do últimos cinco anos.

Un por aquel entón descoñecido Andrés De Vicente Fuentes, 'Capi', de 17 anos, achegouse á comitiva e protagonizou a primeira agresión a un presidente do Goberno na historia da democracia en España. Desde entón, acumulou varios incidentes violentos, que perseguen á súa familia, moi coñecida en Pontevedra e con vínculos familiares con Elvira Fernández  Balboa, esposa de Rajoy. 

Este mércores cóbrense cinco anos daquela agresión que, ademais, viralizou dúas imaxes de Pontevedra. A foto realizada por Mónica Patxot para PontevedraViva coa cara de Rajoy arroibada tras a labazada e o vídeo de Santi Mosteiro para Diario de Pontevedra co momento exacto da agresión encheron medios de comunicación de toda España e parte do estranxeiro

O avogado Jorge Cubela, que naquel momento, defendeu ao mozo agresor, lembra aqueles días de cinco anos atrás coma se fosen onte. A petición da familia de 'Capi', asistiuno, unha tarefa que non resultou sinxela polo gran balbordo mediático e a presión social que rodeo este suceso. Todos os ollos centráronse no que sucedía na Comisaría da Policía Nacional e os xulgados de Pontevedra e a tensión era máxima. 

Unha das vivencias máis complicadas que lembra está relacionada co atraso na posta ao dispor do seu novo cliente, pois foi detido na tarde do 16 de decembro, tamén mércores como este ano, pero non foi posto a disposición xudicial ata a tarde do xoves 17. A demora é inaudita para a xurisdición de menores, pois o mozo xa pasou a noite na Comisaría e logo esperou desde primeira hora da mañá no edificio xudicial sen que o puxesen ao dispor de ningún xuíz. 

O máis lóxico sería, segundo apuntaron xa no seu día os xuristas, que se encargase do caso o Xulgado de Menores, pero para iso o mozo tería que ser posto a disposición xudicial pola mañá. Coa demora e a chegada da tarde, acabou pasando ante un xulgado de instrución ordinario, que acordou o seu internamento nun centro de menores en réxime pechado.

"En 20 anos nunca vi iso", indica Jorge Cubela, que atribúe eses atrasos á Fiscalía Provincial de Pontevedra. Ademais, sostén o "insólito" de que a Fiscalía instruíse neste caso, pois a vítima neste caso era o presidente do Goberno e, por tanto, instruía un profesional que depende da súa vítima. Cabe lembrar neste punto que o Goberno nomea ao fiscal xeral do Estado, aínda que ten prohibido dar ordes aos fiscais.

Tres días despois, a xuíza de Menores de Pontevedra ratificou a medida adoptada polo Xulgado de Garda, o seu internamento preventivo no centro de menores de Monte Ledo, en Ourense. Seis meses despois, en maio de 2016, o Xulgado de Menores condenouno. A partir dese momento, tanto a Fiscalía como o Xulgado de Menores e o seu avogado envorcáronse en axudalo, para conseguir que a medida resultase positiva para a súa reeducación e integración. Mesmo, coa insistencia do seu letrado, lograron que a Xunta de Galicia destinase a Monte Ledo profesorado que lle permitise seguir co bacharelato.  

Transcorridos cinco anos daquel día, e cando 'Capi' xa non é menor, pode lembrarse como viviu el aquel día. Estaba "nervioso", a situación "excedíalle", pois moitas persoas reprochábanlle a súa acción, pero moitas outras aplaudíanlle e el debatíase entre o orgullo de agredir ao presidente do Goberno e o arrepentimento por facelo. Xa naqueles días, pediu perdón pola súa labazada. 

O mozo tiña por aquel entón 17 anos e pouca madurez e experiencia vital, pero nos últimos 5 anos, xa maior de idade e adulto, protagonizou incidentes similares. É plenamente consciente de todos eles, pero está fóra de control, en marzo de 2019 agrediu ao ao coordinador provincial de Vox en Pontevedra, Juan Manuel Rosales, e hai escasos días foi detido por agredir cun coitelo a un home e acirrar a ETA en Ourense. 

Neste último incidente, lanzou  goras a ETA e a  Bildu nun bar de Ourense e, cando outros clientes afeáronlle a súa actitude, negouse e defendeu os asasinatos da banda terrorista. Creouse un enfrontamento no que tentaron botalo do local e o mozo sacou un coitelo e golpeou a un home, causándolle unha ferida na cabeza. 

Está a demostrar unha personalidade que xa se vía vir por aquel entón. Era "moi impulsivo" e " irreflexivo" e, desde a súa saída do centro de menores, ese problema de autocontrol seguiu, aínda que persoas coñecedoras da súa historia afirman que, co paso dos anos, podería ir controlándoo.