Cinco acusados aceptan penas de ata 3 anos e 6 meses por un delito de tráfico de drogas en Vilanova de Arousa

Pontevedra
04 de setembro 2018

Un sexto acusado non foi localizado e fontes xudiciais sinalan que se atopa en Panamá. O resto de imputados chegou a un acordo de conformidade e a pena máis elevada foi para Manuel Prado que terá que pagar unha multa de 512.000 euros

Os cinco acusados dun delito de tráfico de drogas en Vilanova de Arousa na Audiencia Provincial Paula Sanmartín

Cinco dos seis imputados por un delito contra a saúde pública tras unha investigación desenvolvida en Vilanova de Arousa en 2010 sentaban este martes no banco de acusados da sección cuarta da Audiencia Provincial.

Os cinco recoñeceron os feitos e chegaron a un acordo de conformidade coa fiscalía. O sexto imputado non acudiu á vista e, segundo fontes xudiciais, atópase en Panamá. Neste caso, o fiscal Juan Carlos Aladro solicitou que se lle volva a notificar o señalamento da vista e, en caso de non responder, se declare en busca e captura.

Manuel Prado Otero é quen se somete a unha maior pena, tres anos e 6 meses de prisión, ademais do pago dunha multa de 512.000 euros, ao ser considerado o xefe do colectivo. Os outros catro imputados aceptaron penas dun ano e medio ou dous anos de prisión, ademais de multas de menor contía. O fiscal solicitou á presidenta do tribunal que para cando se celebre o xuízo ao sexto acusado, os condenados sexan citados como testemuñas.

O feitos obxecto de delito remóntanse ao mes de novembro de 2010 cando o Equipo contra o Crime Organizado de Galicia (ECO Galicia) iniciou unha investigación para identificar os vendedores de cocaína a pequena escala en Vilanova de Arousa.

Durante a operación, os axentes localizaron nun domicilio en Cambados un total de 7.238,69 gramos que ofrecen resultado positivo en cocaína. A droga alcanzaría na súa venda no mercado ilícito o valor de 512.820,40 euros, segundo o escrito da Fiscalía. Tamén se requisaron catro armas de fogo, básculas de precisión, teléfonos e vehículos.