Cidadáns mantén en Pontevedra un concelleiro "con sabor agridoce"

Pontevedra
27 de maio 2019

Cidadáns Pontevedra logra manter a súa representación na corporación. A acta de concelleira que no anterior mandato tivo María Rey pasará agora a Goyo  Revenga

CIUDADANOS PontevedraViva

Nove e media da noite. Na sede de Cidadáns Pontevedra, en pleno centro histórico, membros da candidatura e algún simpatizante seguen por televisión o devir da velada. Falta o cabeza de lista, Goyo Revenga, que está a seguir o escrutinio no colexio electoral de Campolongo. Si que está a número dous, María Rey, a representante do partido laranxa no Concello pontevedrés no último mandato e os seus tres fillos; conciliación manda.

Dez e media da noite. A alegría, a expectación e a decepción vai por barrios - políticos -, a esa hora dábanse doce concelleiros aos nacionalistas, nove a socialistas e catro a populares. Os primeiros manteñen representantes, mentres o resto subía o número de concelleiros. Cidadáns segue sen representanción. 

Casí as once menos cuarto chega Revenga á sede de César Boente. "Aquí chego co cátering!", di como boas noites. Quince minutos máis tarde soa o teléfono, cólleo María Rey que di voz no alto: "Estamos dentro!". Isto é, Cidadáns consigue manter a súa presenza na Corporación municipal de Pontevedra. Ata podería dicirse que pasou un anxo.

Ás once e media, desvanecida a posibilidade de ocupar dous asentos no Concello, algúns dos presentes empezan a abandonar a sede. Sete minutos antes da medianoite, María Rey advirte aos nenos que é hora de marchar. Abrazos entre varias candidatas e abrazo entre Rey e Revenga cunhas palabras ao oído que só eles saben. 

FALA O NOVO CONCELLEIRO

Vendido o peixe toca que o próximo concelleiro pontevedrés por Cidadáns faga unhas declaracións aos medios. Valoración do resultado?, "agridoce. Esperabamos aumentar a representación con dous concelleiros, pero satisfeitos porque conseguimos manter a representación no Concello; e creo que tal e como se desenvolveu a noite e os resultados podemos considerar un éxito estar aí e seguir sendo oposición ao goberno de Fernández Lores. Unha oposición construtiva para defender unha cidade para o porvir".

Preguntado sobre resultados na provincia, remite aos comités provinciais e ao rexional: "imos analizalos ben, ver as debilidades e as oportunidades que temos para crecer para a próxima cita que son as autonómicas e se cadra están máis preto do que pensamos". 

Onde si se explaya e afirma telo "moi claro", era na súa opinión sobre a configuración que terá a próxima corporación municipal. "O señor Fernández Lores ía a por a maioría absoluta, non alcanzou a maioría absoluta e está en mans do PSOE. Antes podía escoller dous socios de goberno, agora claramente está en mans dun socio de goberno e creo que o socio de goberno vai agarrar ben agarrado. Esperemos acontecementos, pero está claro que a maioría absoluta que moitas veces dábase por decantada non foi a noticia; mentres que o PSOE gañou peso coa caída de Marea e realmente é a noticia. Entón creo que o señor Fernández Lores vai ter que facer ese bipartito do que eu tanto falei estes días. E de ser unha parella de feito vai ter que ser un matrimonio e se cadra o que manda non vai ser o señor Fernández Lores".

Arquivado en