Cidadáns e Podemos critican a "política de ciencia ficción" dos socialistas con Ence

Pontevedra
20 de setembro 2018

Os representantes locais de Cidadáns e Podemos criticaron o anuncio do PSOE de Pontevedra sobre a posibilidade da apertura dunha mesa de negociación para o traslado de Ence fóra da ría

Complexo industrial de Ence e Elnosa en Lourizán Mónica Patxot

Os representantes locais de Cidadáns e Podemos criticaron o anuncio do PSOE de Pontevedra sobre a posibilidade da apertura dunha mesa de negociación para o traslado de Ence fóra da ría.

A concelleira de Cidadáns, María Rey, cualifica as declaracións dos socialistas e as súas xestións ante o Goberno de Madrid como "política de ciencia ficción" con "titulares grandilocuentes que non significan nada".

María Rey sinala que se a Xunta xa manifestou que Ence debe quedar e a propia empresa declina por inviable o traslado, "ou o PSOE atopa un mesías que obre milagres ou nesa negociación sentarán sós".

Pola súa banda, a proposta do PSOE sobre Ence é para Podemos "un anuncio propagandístico e electoralista, unha cortina de fume para que nada mude".

O Círculo Podemos Pontevedra considera que "o Goberno central debe revisar a prórroga ilegal" outorgada a ENCE polo goberno en funcións de Mariano Rajoy. "A isto se comprometeu Pedro Sánchez en Pontevedra, no caso de sair elixido presidente", lembran.

Tanto o deputado autonómico de En Marea e membro do Círculo Podemos Pontevedra, Marcos Cal, como o propio voceiro do círculo pontevedrés, José Ramón Otero, recordan que Podemos Pontevedra "sempre esixíu e sempre esixirá que ENCE saia de ría de Pontevedra".

Podemos considera que o Goberno central non debe trasladar ao Concello a iniciativa que "lle corresponde ó Goberno de Sánchez no Estado e ao de Feijóo na Xunta, que son os que teñen as competencias nesta cuestión".

 

Arquivado en