Cidadáns denuncia a prórroga á empresa encargada do Servizo de Axuda ao Fogar

Pontevedra
01 de abril 2016

María Rey, portavoz do grupo municipal Cidadáns, denuncia a situación de precariedade que viven as traballadoras do Servizo de Axuda ao Fogar. Este servizo ofréceo a empresa Clece que incumpre o establecido no convenio laboral e de servizos a domicilio. O Concello prorrogou durante un ano máis a concesión a esta empresa

María Rey Mónica Patxot

María Rey, portavoz do grupo municipal Cidadáns, tachou de "vergoñosa" a situación de precariedade que viven as traballadoras do Servizo de Axuda ao Fogar; un servizo que corre a cargo da empresa concesionaria, Clece, coa que o goberno local asinou un convenio en 2011 por un período de cinco anos.

Tras estes cinco anos, os nacionalistas decidiron prorrogar a concesión da empresa durante un ano máis, a pesar dos problemas acaecidos con esta. En 2013, o goberno abriu 6 expedientes contra Clece por incumprimento de servizos non prestados

Ademais do cobro de máis de 30.000 euros por estes servizos non prestados, a empresa incumpriu o establecido no convenio laboral e de servizos a domicilio, xerando unha situación de precariedade para as traballadoras. Durante a mañá deste venres 1 de abril, a portavoz de Cidadáns manifestou que non entende como "un servizo que ascende a 854.000 euros anuais estea en mans dunha empresa que non cumpre o convenio".

A edil do grupo destacou que "Clece incumpre co descanso laboral, non presenta o calendario laboral e as traballadoras cotizaban por baixo do que estaban obrigadas, o que supón unha fraude de lei á  Seguridade Social". Así, María Rey considera esta situación como unha "mala xestión do grupo de goberno e unha actuación cunha absoluta falta de moral por parte do bloque".