Os espazos tecnolóxicos e, nomeadamente, as redes sociais non son lugares seguros para as mulleres. Así o acredita o informe do Observatorio Stop Machitroles, que vén de facer a primeira radiografía realizada no sur de Galicia sobre a violencia machista dixital.
Esta iniciativa encádrase na Cátedra de Feminismos 4.0., impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. "É un informe moi potente", destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, que revela a existencia de "agresións intolerables" nas redes.
O reitor Manuel Reigosa cualificou de "moi preocupantes" as conclusións do estudo e afirmou que o traballo da Deputación e a institución académica a través desta cátedra "vai seguir arroxando luz sobre o camiño a seguir para lograr unha sociedade igualitaria".
A partir dos datos recollidos de vítimas anónimas, o informe do observatorio conclúe que o territorio virtual que compoñen foros, redes, páxinas ou blogs "reforza o discurso hostil cara ás mulleres", segundo a socióloga de xénero, Elisa García-Mingo.
O estudo detectou por unha banda ataques machistas individualizados á mulleres só polo feito de selo. Estas agresións tratan de desvalorizar, difamar e minar a reputación e os logros femininos e son frecuentes contra xornalistas, políticas, artistas, deportistas ou académicas.
Así, empregan fórmulas como o ciberacoso, o mansplaining, o hatespeech, o flaming, o e-bile, o doxxing, o hackeo de contas, acusacións falsas ou mesmo a suplantación de identidades e a utilización de programas espía para controlar os movementos en liña das mulleres.
O segundo tipo son as violencias sexuais dixitais, destinadas a controlar os corpos, goce e sexualidade das mulleres.
Comentarios, acoso e insultos de carácter sexual e ameazas de violación, distribución de imaxes íntimas sen consentimento, captación online, rexistro e difusión de agresións sexuais a mulleres con fins de trata para a prostitución, sextorsión, grooming con menores e pornografía figuran entre este tipo de ataques machistas.
En moitos casos as persoas que perpetran esas accións proceden do ámbito próximo da muller agredida: ex parellas, familiares, compañeiros de estudos ou de traballo, veciños ou clientes.
O terceiro tipo é a misoxinia virtual organizada, tamén coñecida polo termo machoesfera ou os anglosaxóns manhood e manosfera.
Trátase dunha estratexia destinada a facer hexemónico o discurso de odio misóxino e a violencia simbólica no espazo virtual e silenciar, invisibilizar e disciplinar as retóricas das mulleres feministas na paisaxe dixital.
A través dun patrón estrutural organizado e altamente sofisticado a nivel tecnolóxico, atacan servidores, sitios web e contidos, conseguen peche de contas e executan accións masivas contra discursos e perfís feministas.
A modo de resumo, a directora da unidade de igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, advertiu de que "aínda que a violencia dixital poida semellar menos perigosa para as mulleres ao non existir dano físico, as consecuencias poden ser devastadoras para a saúde física e psicolóxica".