Chocolatadas e moitas luminarias para dar a benvida ao Nadal en Barcelos e Montero Ríos

Pontevedra
30 de novembro 2024

Seis días antes da inauguración oficial do alumeado de Nadal en Pontevedra, o ambiente festivo comezou pola fachada do colexio de Barcelos e polo Pazo Provincial, sede da Deputación

Chocolada e inauguración do alumeado de Nadal no colexio de Barcelos Mónica Patxot

"Queremos las lucecitas", berraron a coro ás 19.30 horas deste venres un grupo de nenos e nenas do colexio de Barcelos, desexosos de que o Nadal chegara ao seu centro educativo. 

O seu desexo cumpriuse. Apretaron o botón e chegou o Nadal, por primeira vez na historia do colexio, en forma de iluminación da fachada do centro. 

A asociación de nais e pais (Anpa) está detrás do logro. Segundo explica José Ángel Fontán, un dos seus integrantes, este ano tiñan un presuposto "un pouco escaso", de modo que non podían mercar adornos para preparar o cole para o Nadal.

Como solución, "decidimos fabricar". A comunidade educativa fixo luces para decorar o exterior do colexio e este venres celebraron este momento histórico cunha grande chocolatada.

"Decidimos facer unha chocolatada para todos os que quixeran achegarse e gozar", explica Fontán. O obxectivo: a convivencia, "que a xente estea xunta, para celebrar". 

Chocolada e inauguración do alumeado de Nadal no colexio de BarcelosMónica Patxot

Non foi o único punto da cidade no que luces e chocolate foron da man este venres. Seis días antes da inauguración oficial do alumeado de Nadal en Pontevedra, o ambiente festivo comezou pola fachada do colexio de Barcelos e polo Pazo Provincial, sede da Deputación en Montero Ríos. 

A hora foi a mesma, pois tamén na Deputación deron a benvida ao Nadal ás 19.30 horas. No seu caso, cun acto de acendido simultáneo das 250.000 luces eficientes que alumearán as súas sedes, un concerto do grupo Ailá e unha chocolatada aberta á veciñanza.

Ademais, deron por inaugurado o completo programa de Nadal, que leva por lema 'O Noso Nadal' e encherá de tradicións o Pazo Provincial. Así, na entrada hai un abeto cheo de zocos, pandeiretas ou elementos de cestería co que, segundo o presidente provincial, Luis López, "reivindicamos que o Nadal, na provincia, é tamén unha experiencia 100% Rías Baixas".

No Castelo de Soutomaior, un dos epicentros do Nadal da Deputación, celebraranse as tradicionais visitas teatralizadas os días 6,7, 8, 21, 22, 28 e 29 de decembro, volverá o videomapping que se estreou o ano pasado e hai previstas catro sesións de contacontos. 

No Museo de Pontevedra o programa inclúe catro exposicións: 'É tempo de xogar. Colección Juan Manuel Alfaya Ocampo', 'Acisclo en 66 obras', José Benito Otero Baena e 'Infiltracións II'.

Tamén haberá unha programación infantil cun obradoiro de xoguetes e tres espectáculos para toda a familia: 'Cinema de historias da man de Alice Guy', 'Molto Barroco' e 'Un nadal cheo de contos'

Tamén hai tres actuacións musicais previstas, a IV Gala lírica de Nadal do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, un concerto do pianista arxentino Juan Carlos Cambas e o tradicional concerto de 'Despedida del villancico' na Igrexa de San Bartolomé.