Cheo total en Soutomaior para gozar de La Misión, referente no sector das orquestras

Soutomaior
06 de agosto 2024

Desde o Concello destacan que esta orquestra é unha das 5 mellores de España e chegou a Soutomaior con 19 artistas entre acróbatas, cantantes e músicos. Un espectáculo de 120.000 vatios, 400 metros de pantallas led, 500 robots, láser e pirotecnia, 44 metros de escenario e unha pasarela de 8 metros levou ata Candán a miles de persoas

Espectáculo de La Misión Concello de Soutomaior

O Torreiro da Feira do Dez en Candán encheuse na noite deste luns con milleiros de persoas que gozaron dunha das citas máis multitudinarias da I Semana Grande de Soutomaior, a actuación da orquestra La Misión.

Desde o Concello destacan que esta orquestra é unha das 5 mellores de España e chegou a Soutomaior con 19 artistas entre acróbatas, cantantes e músicos.

Un espectáculo de 120.000 vatios, 400 metros de pantallas led, 500 robots, láser e pirotecnia, 44 metros de escenario e unha pasarela de 8 metros levou ata Candán a persoas de todo o municipio e dos concellos da comarca. 

La Misión ofreceu dous pases, un de preto de dúas horas entre as 22.30 e o espectáculo pirotécnico de luces das 00:15 e un segundo de 00:30 a pasadas as dúas da mañá. 

Para a ocasión, o Concello puxo en marcha un bus lanzadeira que resultou "un éxito". Tamén poderá usalo as persoas que decida achegarse ata a festa este martes, con horario de 21.30 a 23.30 e de 00:00 a 2:30 horas, con saída na rotonda da Montesiña ata a Candán. O percorrido do bus será continuo de ida e volta nos horarios indicados. 

A I Semana Grande de Soutomaior vive este martes 6 de agosto un día especial, ao coincidir con festivo local. Pola mañá, con sesión vermú con `Balbuena & Seoane´ na contorna da Igrexa do Divino Salvador e pola tarde, con procesión, concerto da Banda Artística de Arcade ás 20:30 horas e verbena co directo da orquestra Cinema no Torreiro da Feira do Dez en Candán. 

A Semana Grande remata este mércores 7 coa Romaría de San Caetán e cunha sesión vermú na Ermida de San Caetano no Castelo de Soutomaior.