Chegan novos equipamentos tecnolóxicos para reforzar a aula CeMIT de Poio

Poio
05 de decembro 2023

Dez ordenadores e tablets novas, un trípode con anel de luz, unha webcam e unha pantalla de croma forman parte desde este martes do equipamento da Aula CeMIT de Poio

A concelleira Tamara González na Aula CeMIT de Poio Concello de Poio

Dez ordenadores e tablets novas, un trípode con anel de luz, unha webcam e unha pantalla de croma forman parte desde este martes do equipamento da Aula CeMIT de Poio.

Estes novos equipos chegan a través da AMTEGA a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e servirán para reforzar os cursos de formación que se imparten durante todo o ano de xeito gratuíto. 

A concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Tamara González, sinala que esta ampliación permite seguir mellorando o centro de Combarro para adaptalo ás novas necesidades que van xurdindo e, sobre todo, ós avances e ás novas capacitacións que se ofrecen a través destas aulas.

Actualmente, durante o mes de decembro, a aula de Poio imparte ata dez cursos gratuítos en diferentes habilidades dixitais, desde saber facer videoconferencias, ata o uso seguro do ordenador e do móbil, edición de texto e de imaxes ou trámites online, entre outros.

González anima á veciñanza a participar nestes cursos e a facer uso da aula de informática, "é un servizo moi importante para conseguir unha transformación dixital inclusiva, principalmente naquelas franxas de idade nas que non están tan familiarizadas co uso das novas tecnoloxías".