Unha competición escolar ao redor do deporte, a ciencia, a cultura e a saúde. ÿ o espírito das Olimpíadas do Recreo, unha iniciativa do Concello de Pontevedra e a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra coa que se pretende que os escolares pontevedreses aprendan dun xeito divertido. Comezará o próximo mes de marzo e participarán nelas máis de 600 alumnos de dez colexios públicos da cidade.
As Olimpíadas do Recreo están dirixidas aos rapaces de Quinto e Sexto de Primaria de todos os colexios públicos, que competirán dun xeito divertido ao tempo que aprenden conceptos sobre a importancia da práctica deportiva, da alimentación saudable, sen perder de vista a cultura, a ciencia e o coñecemento da cidade e a provincia de Pontevedra.
Segundo o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, esta nova oferta pedagóxica municipal, "cobra máis relevancia aínda nos tempos que corren", e volveu lembrar a forte implicación do Concello co ensino, que vai moito máis alá das súas competencias. "Fronte aos recortes doutros, nós incrementamos a oferta e fronte a un conselleiro de Educación que despreza e esquece as promesas con Pontevedra, máis apoiamos ao ensino público", afirmou.
Ademais, destacou o aspecto novidoso desta proposta, que fomenta especialmente a interrelación entre os 21 colexios públicos da cidade, e agradeceu especialmente o apoio de Fanpa-Pontevedra, "sempre interesada en traballar a prol do ensino público e promover actividades diferentes e divertidas".
Neste sentido, Alberto Pita, presidente de Fanpa-Pontevedra, explicou que iniciativas coma esta enmárcanse nos obxectivos de acadar un ensino "global, público e de calidade". Asegurou que "temos que espertar a conciencia das persoas e que pensen que o futuro dos nosos fillos están nas nosas mans". Trátase, dixo, de que os rapaces "coñezan o noso entorno, que vexan con bos ollos a actividade deportiva e aprendan tamén con iniciativas máis lúdicas".
As Olimpíadas comezan cunha primeira fase clasificatoria, artellada en torno a grupos de cando menos tres alumnos. Os catro colexios mellor clasificados pasarán ás semifinais e, no caso de seren eliminados, a unha rolda de consolación. A gran final disputarase o domingo, 14 de abril, entre os dous colexios máis destacados. Celebrarase no marco do salón Edugal. As Olimpíadas rematan cunha gran festa para todos os nenos participantes.
A competición xira en torno a catro áreas, nas que se vai obtendo unha puntuación. Comeza coa área de Educación e Cultura: un gran "pasapalabra" electrónico baseado na cidade de Pontevedra e a provincia para coñecer a historia, a xeografía, a cultura... A continuación chega a parte Científica, na que un investigador tolo aprenderá aos nenos as cousas máis divertidas e sorprendentes da ciencia e invitaraos a realizar experimentos e deseñar inventos.
O terceiro apartado será o Deporte e consistirá nunha carreira de Orientación polo Centro Histórico. A última área da competición está dedicada á Saúde: unha dietista ensinará aos alumnos a importancia dunha dieta axeitada e explicará as boas prácticas alimenticias a partir dunha visita á Praza de Abastos. Os rapaces terán que realizar a súa compra semanal. Inclúe tamén un xogo virtual para testar a compra e inxestión de produtos saudables.
As actividades serán rotatorias, de xeito que os equipos de cada colexio pasarán por todas elas. E a duración de cada xornada das Olimpíadas do Recreo será de dúas horas. Os gañadores obterán un cheque-regalo de material escolar valorado en 400 euros; os segundos, cheque-regalo de 200 euros e os terceiros, de 100 euros.