Este mércores empezou a instalación das aulas auxiliares que acollerán a uns 250 alumnos de Bacharelato do Instituto Valle-Inclán.
Daniel Mejuto, director do IES Valle Inclán, informou que esta mesma mañá recibiron a visita da Unidade Técnica cos arquitectos e a previsión que manexan é que o próximo día 12 de outubro estean xa instaladas estas 11 aulas, compostas por catro módulos cada unha.
"Mentres tanto xa estamos a planificar o equipo directivo a nova organización do centro", indicou o director.
"Teremos unha comunicación e un claustro para informar o profesorado e tamén, no seu momento, ás familias e ao alumnado", engadiu.
En total 10 aulas auxiliares estarán ocupadas polos cinco grupos de Primeiro de Bacharelato e outros cinco de Segundo, mentres que unha aula queda para "desdobre" cando se necesite para algunha clase "a maiores". En cada unha delas estarán unha trintena de alumnos. "En principio as condicións son moi boas e creo que van estar fenomenal", ha apunto Daniel Mejuto.
"Esperemos que todo funcione con normalidade", comentou. "Temos asumido que o centro está ante unha nova situación e que causará algunhas molestias pero que todo sexa polo ben do centro e que en pouco tempo teñamos un centro estupendo".
Por agora, a convivencia coas obras de reforma está a levarse "bastante ben". Nestes momentos están a actuar no pavillón sen que isto altere o normal funcionamento das clases. "O que pretendemos é que as zonas nas que traballen estean illadas da actividade docente, que os rapaces teñan as súas clases con normalidade só que hai unha parte do alumnado que vai estar no exterior".
Estas aulas móbiles estarán instaladas na fachada principal do Valle-Inclán, na rúa Montero Ríos, durante este curso académico e o seguinte.