Chega aos Praceres a tuneladora alemá do novo emisario submarino

Pontevedra
09 de marzo 2022

As vindeiras xornadas dedicaranse á montaxe das pezas desta máquina de grandes dimensións, que será sometida a continuación a diferentes probas e autorizacións co obxectivo de comezar a funcionar a principios de abril

Tuneladora do novo emisario submarino Xunta de Galicia

A chegada este mércores a Pontevedra da tuneladora, procedente de Alemaña, permite seguir avanzando nos traballos e entrar nunha nova fase das obras en execución do novo emisario submarino dos Praceres.

As vindeiras xornadas dedicaranse á montaxe das pezas desta máquina de grandes dimensións, que será sometida a continuación a diferentes probas e autorizacións co obxectivo de comezar a funcionar a principios de abril.

A Xunta, que comezou en xuño do pasado ano as obras deste emisario, cun investimento de 12 millóns de euros e de xeito compatible coa actividade extractiva, segue a avanzar a bo ritmo os traballos, mantendo o obxectivo de rematar as obras a finais deste ano 2022.

As actuacións que se están a levar a cabo divídese en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 km de lonxitude.

Para seguir avanzando na execución das obras é preciso a utilización da tuneladora chegada hoxe. Ademais, empregarase a tecnoloxía innovadora "direct pipe", que combina as vantaxes do microtúnel e da perforación dirixida, sendo un sistema pioneiro en España.

Neste momento está rematada xa a parte da obra de execución do pozo de ataque para a tuneladora e o escavado do pozo. Ademais, están realizados os traballos topográficos que marcan de xeito preciso o percorrido e as coordenadas exactas por onde traballará a tuneladora chegada hoxe desde Alemaña.

A perforación do túnel do tramo terrestre do emisario realizarase con esta tuneladora que comezará a escavar desde ese pozo e terminará saíndo polo fondo mariño no punto onde se iniciará o tramo submarino da tubaxe.

 

Arquivado en